En marcha unha campaña na Rede para publicar unha guía galega que nos axude a sobrevivir enerxeticamente

venres, 20 de setembro do 2013 Redacción

Manuel Casal Lodeiro, responsábel de proxectos pioneiros en redes sociais como Fillos.org ou máis recentemente dunha guía TIC para os os colectivos sociais e culturais da nosa terra, ten entre mans unha nova iniciativa vencellada ás novas tecnoloxías e á nosa terra aínda que contidos universais, aplicábeis ao conxunto de tódolos países e contornas sociais. A iniciativa, da que tamén é responsábel o profesor da USC (e ex director do INEGA) Xoán Ramón Doldán, baséase en dar forma con axuda dos internautas a un libro que prepara á sociedade galega para vivir sen petróleo. Trátase pois dun proxecto de micromecenado, posto en marcha en Verkami pola asociación Véspera de Nada, co obxectivo de permitir que vexa a luz a Guía para o descenso enerxético. Ás 48 horas do lanzamento da campaña, xa se conseguiran mil euros de financiamento.
O xermolo do libro xa vén de antigo, segundo informan Doldán e Casal. De feito, fíxose coñecido en círculos activistas galegos desde que en 2008 comezara a falar no Foro Social Galego dun problema de graves consecuencias para o funcionamento da economía e para a vida de toda a poboación: o problema do peak oil, termo en inglés co que se coñece a chegada do petróleo ao seu punto máximo de extracción a nivel mundial, “intre a partir do cal comeza un declive irreversíbel”. Pois ben, ao fío disto, cómpre lembrar que a Axencia Internacional de Enerxía xa se viu obrigada a recoñecer que chegamos a ese punto. Para os membros do dito colectivo, “a partir de agora será todo costa abaixo e a sociedade ten que se preparar para as repercusións, que xa están aquí en forma de crise económica”. Así pois, o obxectivo da Guía para o descenso enerxético é “axudar na transformación do modelo enerxético e produtivo hoxe dominante no mundo e na Galiza, baseado no uso masivo de combustíbeis fósiles, en particular do petróleo".
Segundo as previsións que manexan os expertos no tema a enerxía vai ser cada vez máis cara e menos abundante, e iso obrigará, afirman en Véspera de Nada, a mudar de raíz o modelo económico actual. “É precisamente na base social onde debe comezar a transformación", aclaran, e por iso dirixen o libro e a campaña de crowdfunding para poder publicalo, a todas as familias, empresas e colectivos sociais do país.
As persoas interesadas poden consultar información sobre a guía, visualizar un vídeo de presentación e participar no financiamento colectivo do libro na web Galiza.PosPetroleo.com, na páxina da asociación Véspera de Nada e máis no Twitter de seu.

PUBLICIDADE