En marcha unha app galega que funciona a xeito de oficina mundial de obxectos e encontros perdidos: a aplicación TAS

venres, 20 de maio do 2022 S. P.

O panorama tecnolóxico galego animouse esta semana coa presentación dunha nova, innovadora e destacada ferramenta: a aplicación TAS, dirixida a “permitirnos cumprir o soño de navegar no espazo... e máis no tempo”. Máis polo miúdo, TAS consiste nunha app móbil que posibilita deixar unha nota (un tas) nun lugar exacto do mundo ou nun día concreto, pasado, presente e futuro. Na pantalla inicial podemos atopar un mapa polo que desprazarnos e unha liña temporal na que escoller unha data concreta ou un rango cronolóxico.
Segundo os seus creadores, TAS responde afirmativamente a algunhas das preguntas que moitos de nós nos tempos feito sobre as posibilidades da ciencia e tecnoloxía en relación ás coordenadas espazo-temporais, preguntas como as seguintes: “Poderemos viaxar algunha vez no tempo e atopar a aquel amigo da nenez ao que lle perdemos a pista?”, “Poderemos coñecer a quen nos axudou naquel accidente de coche?”, “Está na nosa man saber máis cousas da persoa que nos aguantou a mirada e nos sorría no metro?”
Seguindo engaden os seus creadores, as persoas usuarias de TAS poden navegar polo tempo e polo mapamundi colocando ou buscando un tas (unha nota nese punto espazo-temporal que pode ter un título, descrición, imaxes, ligazóns) para que sexa descuberto pola persoa destinataria e contestada.
Creada por Rubén Prieto Tomé, TAS ten un 95% de capital galego. As persoas que traballaron neste proxecto suman un total de 25, das que un 96% son galegas. Na actualidade, iniciando a terceira rolda de captación de socios, a valoración económica de TAS ascende a 3 millóns de euros.
Dende o seu lanzamento en fase beta, fai menos dun ano, conta con preto de 100.000 descargas e 16.000 persoas usuarias activas ao mes, cifras que segundo sinala o seu equipo de desenvolvedores aumentan cada día.
A aplicación está presente en todo o mundo en catro idiomas: galego, castelán, inglés e ucraíno. Segundo engaden, onde máis se tasea é en España e en diferentes países de Latinoamérica, como por exemplo Arxentina, Chile, Colombia, Ecuador, Guatemala, Mexico, Perú…
Amais, os anuncios de lanzamento tiveron máis de 4.000.000 de visualizacións entre as plataformas de redes sociais de Youtube, Tiktok, Instagram e Facebook.
Rubén Prieto Tomé, socio fundador e creador de TAS, indica que o obxectivo é converter TAS “na oficina mundial de obxectos e encontros perdidos”. E engade: “Do mesmo xeito no que alguén pensa en Amazon para facer unha compra en liña ou en Netflix cando quere ver unha serie... queremos ser o primeiro no que alguén pensa cando perde ou atopa algo, cando escapa o seu can ou cando non sabe como contactar con alguén…”
Principais usos de TAS
Xa dende o comezo o equipo de TAS decatouse de que a comunidade da aplicación viña empregándoa “de moitas maneiras distintas” así que decidiron adaptarse a estes novos usos que a xente ía atopando e crearon as categorías de tases. Agora, esas notiñas cravadas no mapa distínguense entre elas en función da súa tipoloxía. Deste xeito, podemos atopar tases de diferentes cores e poden ser de agradecemento, de alertas, de crush (frechazo), de "perdín algo" ou "atopei algo", de axuda, de lugares de interese, de autopromoción, de agasallo ou "sen categoría". Moi axiña teñen pensado sacar á luz os X-TAS, tases en Realidade Aumentada que só se poderán ler se a persoa se atopa fisicamente ante eles e abre a cámara.
Tamén sairán a luz os tases de socorro, mensaxes que se poñen “aquí e agora” informando dunha emerxencia e que avisarán a todas as persoas que estean preto e se atopen dispostas a axudar. “Isto poderá salvar vidas pois hai casos coma infartos, atragoamentos, afogamentos ou acosos machistas nos que eses 15 minutos de tempo de reacción dos servizos de emerxencia soen ser demasiados”, sinala o equipo de desenvolvedores.

PUBLICIDADE