En marcha un proxecto para levar biotecnoloxía e Big Data a 3.700 empresas: o proxecto DATAlife

martes, 30 de xuño do 2020 S. P.

A nosa terra quere converterse nunha potencia en tecnoloxías bio: o punto de encontro do Big Data e a Intelixencia Artificial (IA) coa bioloxía, o mar, a industria, a alimentación, o forestal ou a saúde, entre outros ámbitos. Froito deste obxectivo xurdiu a iniciativa DATAlife, do que se deron a coñecer detalles este martes 30 de xuño nunha comunicación virtual, da man dos socios de Hub de Innovación Dixital e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). O proxecto abrirá dende outono a súa carteira de servizos dixitais, a disposición de 3.700 empresas.
O proxecto DATAlibe foi presentado aos axentes innovadores e aos protagonistas dos devanditos sectores produtivos aos que vai dirixido. A presidenta do DATAlife e tamén presidenta de Bioga, Carme Pampín, abriu o acto de presentación agradecendo o respaldo da Administración autonómica para pór en marcha o proxecto e poñendo en valor o compromiso dos socios do Hub de Innovación Dixital: “DATAlife apóiase no liderado sectorial, a través de sectores clave en Galicia; no liderado tecnolóxico, conformado polos centros de competencia galegos; e no liderado empresarial, representado por empresas tractoras de Galicia”.
Pampín explicou que agora DATAlife traballa no deseño da súa carteira de servizos, que estará a disposición do tecido empresarial de Galicia a partir de outono. Ofrecerá solucións a medida: “Apostamos por un modelo colaborativo aberto e participativo onde as empresas serán protagonistas”.
Cal será a misión de DATAlife? Pois facilitar a incorporación da Intelixencia Artificial e a analítica de datos nas pemes galegas dos sectores ligados á bioeconomía e a saúde. Así o apuntou Lucía Castro, xerente do Hub de Innovación Dixital, que na presentación explicou que o proxecto, con sede no Edificio Emprendia en Santiago de Compostela, diríxese a tres focos estratéxicos: biorrecursos, sustentabilidade e saúde. Amais, conectará o sistema de innovación, que ofrecerá servizos de IA, IoT (Internet das Cousas), análise de datos a gran escala (Big Data), ciberseguridade e computación de altas prestacións.
DATAlife nace para axudar a crecer en competitividade a 3.700 empresas que traballan en cadeas de valor que representan o 19,4% do Valor Engadido Bruto (VAB) da comunidade autónoma de Galicia e que xeran ao redor dos 70.000 empregos.
Bioga abandera o proxecto. Son tamén socios fundadores ANFACO-CECOPESCA, o Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA, Clúster Saúde de Galicia (CSG), FINSA, o Centro Tecnolóxico de Comunicacións-Gradiant, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), Televés, o Clúster TIC Galicia, Cluster da Acuicultura de Galicia e Grupo Zendal. En 2020 incorporáronse o Centro Tecnolóxico Energylab e a Fundación FEUGA. Os socios aproveitaron a cita deste último día de xuño para celebrar a súa asemblea xeral.

PUBLICIDADE