En marcha un proxecto para dotar de apps o noso achegamento á lírica galego-portuguesa

luns, 25 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

As tecnoloxías do presente-futuro son un marco de experimentación que serve, entre outras cousas, para recuperar e pescudar no pasado. Esta é a base na que se apoia o Proxecto Lírica, no que traballan investigadores da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares en colaboración coa Universidade de Porto. A iniciativa, liderada pola axencia AMTEGA, chanta os seus piares na interesante e frutífera confluencia entre historia e innovación: a segunda para pór en valor a primeira e a primeira para darlle contido á segunda. Máis en detalle, o seu ámbito temático é a historia, a arte e a literatura medieval galego-portuguesa, sendo o obxectivo deseñar produtos turísticos e divulgativos baseados nas máis avanzadas tecnoloxías dixitais. Tecnoloxías que teñen o engadido de implicar aos usuarios: mergullalos, neste caso, nunha viaxe ao pasado.
A investigadora principal deste proxecto é Mariña Arbor, profesora de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago, que salienta a importancia do legado co que traballan: “Posuímos unha riquísima literatura medieval asentada en áreas moi concretas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e da que existe un grande descoñecemento. Trátase, pois, de facilitar o acceso á cultura trobadoresca cun enfoque tecnolóxico e altamente innovador, coa colaboración de filólogos, historiadores, historiadores da arte, informáticos, programadores e expertos en cultura audiovisual”.
Ao abeiro deste marco de traballo, as/os investigadores van elaborar dúas rutas turístico-culturais baseadas en tres trobadores, que posúen unha produción poética “susceptíbel de ser tratada para o seu desfrute por parte dun público xeneralista”. Trátase de Fernan Paez de Tamalancos (ca. 1196-1242), natural do Tamalancos ourensán; Johan Soarez Somesso (ca. 1220-1250), ligado á zona pontevedresa de Crecente; e Pero Meogo (mediados século XIII), xograr vencellado a áreas do norte de Portugal.
A primeira ruta abrangue parte das antigas terras da Castela ourensá, seguindo unha frecha que sae do Mosteiro de Oseira, no actual concello de San Cristovo de Cea, e que ten o seu punto de chegada no Mosteiro de San Clodio, no concello de Leiro. A segunda ruta parte de Ribadavia até as vilas portuguesas de Fiães, Melgaço e Monção, pasando polos concellos pontevedreses da Cañiza e Crecente.
Estas rutas, concibidas nun nivel duplo (o primeiro cunha selección de puntos básicos para visitantes que queiran completar a ruta nunha única xornada, e o segundo cunha selección de puntos complementaria e pensada para xente que opte por realizar o percorrido en máis dunha xeira), estarán guiadas por aplicacións móbiles preparadas para o seu uso en terreo con dispositivos, que desenvolverá un equipo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago (CiTIUS), liderado polo profesor Julián Flores. A música destas aplicacións é responsabilidade de expertos italianos.
Ademais das rutas turísticas, vaise desenvolver un vídeo lírico, que tomará como base a cantiga de Pero Meogo Levous’aa alva, levous’a velida, cantada polo musicólogo e experto en lírica medieval Antoni Rossell, da Universidade Autónoma de Barcelona. Por outra banda, crearanse pezas audiovisuais de carácter informativo e pedagóxico, destinadas a ilustrar aspectos da vida cotiá, da sociedade, da política e da cultura e literatura medievais.
Á marxe destes produtos tecnolóxicos, prevese ademais a preparación doutros materiais como guías impresas, mostras fotográficas en puntos clave das zonas de actuación, álbums ou catálogos…
O Proxecto Lírica vaise integrar, con todos os seus produtos, nunha macroplataforma dixital que neste intre está a deseñar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

PUBLICIDADE