En marcha un proxecto galego para crear un sistema de radiotelevisión libre pola Rede: Adtlántida.tv

venres, 10 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Os galegos Berio Molina (co-responsábel de iniciativas como alg-a ou escoitar.org) e Beka (tamén coñecido e Geeksha e co-administrador de olholivre.net) son os impulsores dun interesante proxecto en desenvolvemento para a materialización dunha nova canle informativa independente con fortes vencellos coa Internet. Falamos de Adtlántida.tv, sistema de radiotelevisión libre pola Rede que conta co apoio da Universidade Internacional de Andalucía (Capital Riesgo da UNIA) e que se atopa, a día de hoxe, en plena campaña de crowdfounding, ou sexa, en proceso de procurar pequenos investidores-internautas que fagan posíbel, fornecendo achegas conformes ás capacidades dos seus petos, o que doutro xeito, nos tempos que corren, serían máis enleado. A idea básica é facer fronte a “vimeos e bambusers dende lóxica comunitaria da experimentación”.
O proxecto Adtlántida.tv (que xunta nun único termo o prefixo “ad”, do latín “cara a” e máis o nome da antiga illa-continente nalgún lugar do Atlántico, símbolo do máis antigo pero tamén do máis innovador: coma se o tempo dobrase as súas puntas até tocarse), é como dixemos un sistema de radiotelevisión libre. A súa rede de aplicacións web e para dispositivos móbiles, informan Berio e Beka, “permite emitir e consultar material audiovisual en calquera momento e desde calquera lugar, utilizando calquera dispositivo libre”. A interface estará dispoñíbel en galego, castelán e inglés como mínimo, explican.
Como avanzamos antes, a falta de grandes investimentos o proxecto aposta polo espírito do software libre aplicado a tódolos elos da cadea de xeración. De feito, funcionará como unha gran comunidade de experimentación, ao estilo dun obradoiro sen responsábel primeiro nin censura nin elemento de poder ao que render contas. Así nolo explican: “Adtlantida.tv diferéncia-se doutros servizos como Bambuser, Ustream ou Vimeo no emprego exclusivo de ferramentas libres (Icecast en servidor linux, reproductores multimedia html5, apps para android), na combinación nun mesmo servizo comunitario de live streaming e a demanda, ademais da liberdade de contidos, sen censura, así como na ausencia de publicidade”.
Amais de todo isto, o proxecto concíbese como unha tentativa de recuperar algo que se perdeu polo camiño da historia da comunicación: o respecto polo destinatario da comunicación. Os creadores de Atltántida non quere un espectador coma un produto que o medio informativo vende aos anunciantes. De feito, a comunidade xestionarase coas achegas que permitirán, unha fez feito o desenvolvemento, abonar cada ano o custe dun bo servidor streaming garantindo a estabilidade do servizo (bo amplo de subida e baixada de dados) a través da fibra óptica da rede libre Guifi.net.Na infraestrutura contaremos co soporte de pertencer ao anel de servers giss.tv, e das máquinas de Marsupi”, engaden. Ademais, Adtlantida.tv contará “cunha equipa dedicada a investigar e desenvolver novas aplicacións que satisfagan necesidades experimentais”.

PUBLICIDADE