En marcha un plan de multinacionais TIC para meter na nube ás PEME españolas

martes, 6 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Unha alianza constituída por algunha das empresas TIC que máis diñeiro moven no Estado vén de unir forzas con diversas asociacións empresariais para achegar os seus servizos de xestión e computación na nube ao día da día das PEME españolas. A alianza está formada por multinacionais como Microsoft, Intel, HP, Nokia ou Vodafone, xunto con asociacións como CEOE, ATA e CEAT. A iniciativa en común chámase Plan de Competitividade, e nace, subliñan, como “resposta do sector TIC á imperativa necesidade de mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas españolas a través dun emprego eficaz da computación da nube e das novas tecnoloxías en xeral”.
A computación na nube, cómpre recordalo, é un tipo de traballo empresarial que se realiza en liña, sen coñecemento na xestión dos recursos que se empregan e con total dispoñibilidade espacial e temporal. En definitiva, é como tirar abaixo as limitacións físicas dunha oficina e permitir a entrada de axentes e servizos externos que faciliten o traballo. Isto conséguese poñendo a disposición de quen non ten coñecementos de tecnolóxica, resumidas e democratizadas, as ferramentas de alta tecnoloxía.
A iniciativa da que estamos a falar conta co apoio do Ministerio de Industria e terá unha traxectoria de tres anos. O obxectivo é chegar a un millón de empresas e autónomos, co fin de “axudalos a adoptar as últimas solucións tecnolóxicas”, informan. As solucións virán acompañadas de formación e asesoramento sobre boas prácticas empresariais arredor das TIC.
O primeiro piar do Plan é o portal minegocio365.es, no que as compañías participantes amosarán casos prácticos a través de vídeos de PEME que xa fixeron seus os devanditos servizos da nube. Amais desta web, o Plan inclúe eventos e obradoiros que percorrerán a xeografía española nos vindeiros tres anos. Para comezar, lánzase a campaña Destino na Nube, estes 6 e 7 de marzo, un evento que chega á súa segunda edición e que reúne baixo un mesmo teito a 3.000 responsábeis de informática, desenvolvedores e arquitectos TIC.

PUBLICIDADE