En marcha un novo medio dixital galego e centrado no deporte: Táboas
martes, 5 de febreiro do 2013
Estes días
estamos a celebrar a aparición dun novo medio dixital galego, desta
volta centrado no deporte, cousa que é moi de agradecer tendo en
conta a sobre-presenza
do castelán nas comunicación en liña de case tódolos clubs,
asociacións e institucións galegas do devandito ámbito. O
medio en cuestión chámase Táboas
e preséntase
na Rede baixo un epígrafe (Onde
o departe atopa o equilibrio)
que nos fala claramente dun dos seus principais obxectivos: restituír
a lingua a través das TIC a un ámbito no que, polas razóns que
sexan (algunhas inexplicábeis), non deixa de esmorecer.
Táboas,
que non ten máis de unha semana de vida, vén da man de Manuel
Varela e Álvaro Abuín. Os temas a tratar son tódolos relacionados
co deporte galego e, como é de supor, colle todo un mundo neles.
Volvendo ao devandito epígrafe, dicir que hai máis cousas que se
agochan tralo seu obxectivo de procurar o equilibrio informativo no
deporte. Por exemplo, buscarán pórse o máis lonxe posíbel “das
trincheiras e do xornalismo de equipo, no camiño dunha visión
global e galega”.
Ou sexa, que os internautas que queiran escoitar falar cousas moi
boas dun equipo concreto e cousas moi malas de outro (ao estilo da
práctica totalidade dos medios deportivos estatais, cada un deles
tirando polo equipo dos seus amores), mellor que vaian petando noutra
porta. Asemade, que fagan o mesmo os que queiran escoitar falar de
lercheos
vinculados a xogadores.