En marcha un marketplace galego que xunta provedores e demandantes de contidos

mércores, 30 de setembro do 2015 Redacción

Estes días vén de chegar á Rede unha iniciativa galega chamada Losredactores.com que sería, en palabras dos seus responsábeis, o primeiro mercado de contidos para blogs que permite a unión entre quen posúe páxinas web e quen estaría disposto a escribir nelas. Dito doutro xeito: o portal xunta provedores de información con empresas que a demanden. O obxectivo sería promover as web das segundas nos buscadores, incrementar visitas, gañar reputación na Rede e aumentar a presenza dos seus perfís nas redes sociais. Losredactores.com facilita e achanda o camiño dos propietarios de páxinas cara aos xeradores de contidos, e faino creando para todos eles un marketplace de compravenda. O portal vén da man do emprendedor galego Borja García.
O servizo, integrado no grupo de portais galegos Donwebmaster, ten o engadido extra de axilizar os procedementos precisos para que un redactor consiga visualizar axeitadamente unha web nos buscadores (manténdoa nos “postos altos” cada vez que se siga xerando información). Este carácter de proceso inmediato conséguese, precisamente, dándolle ao portal feitura de mercado en liña. Así, os demandantes ou clientes poden mercar os artigos que lles sexan de interese a través de Paypal logo de examinar se a información ofrecida é acaida para os seus obxectivos.
Para os provedores de contidos, Losredactores ofrécelles a posibilidade de escribir artigos a través dun panel sobre o tema que máis lles guste: unha vez rematado o texto deberán escoller o prezo polo que queren vendelo, e logo a propia web adicarase a buscar blogueiros que o merquen. Segundo os creadores do portal “este método está a xerar grandes beneficios a persoas con todo tipo de estudos”. De feito, sinálase, para escribir ben sobre un tema o máis importante é ter coñecemento sobre o mesmo.

PUBLICIDADE