En marcha un concurso fotográfico a través do móbil para conmemorar a Celso Emilio Ferreiro

venres, 7 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Celso Emilio, á esquerda, co poeta nicaraguano Ernesto Cardenal, visto na Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo

As novas tecnoloxías e a creación fotográfica e literaria son dous mundos que se achegan. Tanto, que case non van quedando escusas dar a coñecer o que capturamos coa cámara e o que escribimos. Un bo exemplo disto é a iniciativa presentada estes días pola Fundación Curros Enríquez, con sede en Celanova. Falamos do primeiro Concurso Fotográfico Foto-Poesía-Móbil, unha proposta promovida pola dita entidade, o Concello da vila ourensá, a Oficina de Información Xuvenil e a aula CeMIT. O concurso, aberto a toda aquela persoa que teña máis de 16 anos, un teléfono móbil e devezos de dar conta do seu pulo artístico, terá, iso si, un eixe temático fundamental: a figura de Celso Emilio Ferreiro, ilustre veciño de Celanova que o ano vindeiro converterase no epicentro dunha boa parte das nosas celebracións literarias, con motivo do primeiro centenario do seu nacemento.
O concurso consiste, polo tanto, en poñerlle imaxes á poesía de Celso Emilio Ferreiro. Seis son os poemas propostos e nos que os concursantes deberán inspirarse para realizar a captura das imaxes. Para participar poderán envialas á Fundación Curros Enríquez ou ao Concello de Celanova cos datos persoais dos participantes e nas que nos deberán indicar o anaco do poema escollido e o lugar onde foi realizada a fotografía: Os meus amigos, O meu val, O estranxeiro e Ourense na lembranza de Onde o mundo se chama Celanova, Son un pasmón de Longa noite de pedra e Doce outono de Viaxe ao País dos Ananos.
O prazo de presentación de fotografías ficará aberto durante todo o mes de outubro. Ao finalizar a recepción, seleccionaranse as imaxes que optarán a un dos tres premios e dous accésit consistentes en diverso material fotográfico achegado por varias entidades colaboradoras da vila de Celanova.
Logo, con motivo da colaboración da Fundación Curros Enríquez e o Concello na organización do Outono fotográfico organizado pola Casa de Xuventude de Ourense, organizarase unha mostra con 50 fotografías escolmadas entre as recibidas que se exporá na Casa dos Poetas ou noutro espazo acondicionado polo Concello de Celanova durante a segunda quincena do mes de novembro.

PUBLICIDADE