En marcha o proxecto Open IEBS para permitirnos ser alumnos e ao mesmo tempo que profesores

luns, 16 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Se cadra non tivemos oportunidade de pensalo detidamente, pero as posibilidades de comunicación e de formación que achegan as redes actuais semellan deixar marxe de abondo para esquecer, en boa medida, o rol tradicional de alumnos atendendo e un profesor explicando e impartindo. Segundo nos contan dende o proxecto Open IEBS, nova plataforma educativa aberta e destinada a innovar no proceso educativo, calquera pode aprender e, ao mesmo tempo, converterse en mestre. “Por unha banda”, sinalan, “o usuario ten capacidade para crear os seus propios recursos e vendelos, e, ademais, como alumno pode mercar cursos especializados nun mercado en liña de formación”.
A plataforma vén da man dun grupo de emprendedores españois cun obxectivo común: crear un escenario formativo que revolucione o concepto de ensino tal como se viña coñecendo. Ao seu abeiro, ábrense dous espazos, segundo o papel que elixamos para representar. Por unha banda o de aprender e, pola outra, o de formar. Co fin de darlle corpo a calquera destes cometidos contaremos cun laboratorio con tódalas ferramentas que son precisas para crear un curso, convidar a colaboradores a participar e dar corpo á materia. Os cursos acaban vendéndose en Market, un acubillo de formación en liña que achega aquelas accións formativas que superaron un “exhaustivo control de calidade”, infórmase.
Asemade, os autores poden convocar clases titorizadas que se imparten de xeito telemático dende o seo da plataforma e lle achegan ao alumno un certificado validade por IEBS. O market fornece de dous tipos de cursos: autoformativos (o usuario pode realizalos cando e onde queira) ou titorizados (que se imparten en liña nunha data que está fixa e nos que se estuda con outros compañeiros e disponse dun profesor en liña).
O proxecto está dirixido por Óscar Fuente, pioneiro en España da formación dixital, a distancia, en castelán, e da innovación sobre os modelos tradicionais de aprendizaxe, aos que, sinala, cómpre deixar atrás por que non dan resposta ás necesidades que hoxe ten a sociedade, coas contornas tecnolóxicas mudando cada pouco.

PUBLICIDADE