En marcha cidadesabertas.gal, impulsada polos concellos de Coruña, Santiago, Madrid e Zaragoza

luns, 4 de marzo do 2019 Redacción

A concelleira de Participación Cidadá da Coruña, Claudia Delso

A Coruña está a participar nun proxecto tecnolóxico, xunto con Madrid, Santiago e Zaragoza, para acurtar a distancia entre a cidadanía destas catro cidades e todo o relativo á filosofía do goberno aberto e participativo. Estamos a falar do espazo web cidadesabertas.gal, face visíbel do proxecto conxunto Plataforma de goberno aberto, colaborativo e interoperable.
Este portal, segundo informou o Concello da Coruña, configúrase “como un lugar onde a cidadanía, de xeito transparente e participativo, pode entrar para coñecer máis sobre datos abertos ou vocabulario, atopar os fitos do proxecto e o avance das accións para conseguir que os concellos poidan xestionar e publicar datos abertos e participar, con achegas e suxestións”.
O Goberno da Coruña engade que a clave, tanto do espazo dixital como do proxecto en si, é o fomento da participación cidadá por defecto, tratando de incorporala en actividades lexislativas, de execución e de control que levan a cabo os concellos (propostas cidadás, orzamentos participativos, lexislación colaborativa e xestión do día a día) e de aplicar tamén o principio de “transparencia por defecto”.
Cun investimento de máis de dous millóns de euros, achegado nun 40% polos concellos da Coruña, Madrid, Santiago de Compostela e Zaragoza e nun 60% por Red.es grazas ao co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a vertente tecnolóxica da iniciativa está a ser materializada a través dunha unión temporal de empresas, xestionada pola multinacional española GMV en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid e LocaliData.
A idea última é permitir aos devanditos catro concellos incrementar a súa eficiencia e optimizar os recursos de innovación e tecnolóxicos logrando un maior alcance. “Isto reverterá claramente en beneficio dos seus veciños e veciñas, que obterán servizos públicos de calidade que respondan ás súas necesidades, sendo partícipes das decisións que se tomen para mellorar as súas cidades”, explican.

PUBLICIDADE