En marcha unha axencia galega centrada na mercadotecnia de influencia: Las-Dos

martes, 21 de marzo do 2023 S. P.

Santiago é o centro de operacións unha axencia de mercadotecnia (marketing) de influencia en Galicia: a axencia Las-Dos. A empresa, con sede no centro histórico compostelán, centrarase en estratexias de influencer marketing “traballando de maneira transversal a comunicación tanto offline como en liña para xerar accións de impacto”, sinalan as impulsoras da iniciativa, poñendo o foco nun feito que, sinalan, está fóra de toda dúbida: a revolución xerada no mercado pola mercado polo influencer marketing, que “mudou para sempre a maneira en que as marcas se relacionan co seu público”.
O valor desta nova canle, explican, “reside na capacidade que teñen determinados perfís de establecer un vencello emocional baseado na confianza e a credibilidade, de poder chegar a audiencias con intereses ben segmentados e da súa capacidade por brindar experiencias omnicanle”. Tamén recordan que “malia ser unha estratexia en auxe e experimentar en 2022 un medre do 22,8% en materia de investimento, segue resultando incomprendida e o ecosistema que se forxou ao seu ao redor é complexo”.
Botar luz sobre todo isto foi determinante para a posta en marcha do estudio Las-Dos, formada por Alba Mouriño e Rita Bello, dúas emprendedoras galegas e profesionais do mundo da nova comunicación con máis de 8 anos de experiencia no sector.
“O noso obxectivo é, por unha banda, reforzar con este tipo de estratexia as accións de relacións públicas ou campañas que realizan marcas e/ou empresas; e, pola outra, crear equipo e dar soporte a axencias especializadas noutras disciplinas que busquen rendibilizar os seus procesos e recursos. Ocupámonos de todo o proceso, desde a procura, concepción estratéxica e formulación creativa, ata a negociación, seguimento e posterior análise dos resultados”, sinalan.
Con oficina en Santiago de Compostela, Las-Dos crearon unha metodoloxía de traballo para “tentar estandarizar procesos” e “ter un sólido argumentario con vistas a mostrar o valor real que supón o investimento nesta canle”.
E engaden: “Non somos unha axencia de representación. O noso punto diferencial está na procura e selección cualitativa de perfís de maneira minuciosa. Estar atentas ao que pasa ao noso ao redor, na Rede, aos hábitos de consumo. Son moitas as variábeis que hai que ter en conta para atopar os perfís idóneos e aínda que para a parte cuantitativa axudámonos de ferramentas tecnolóxicas, hai que ter certa sensibilidade para detectar os perfís axeitados á marca. Para nós dar con perfís coherentes, creativos, responsábeis e efectivos, é determinante para lograr un bo hunting. Traballamos na detección de oportunidades e no desenvolvemento de estratexias creativas a través da creación de contidos e sobre todo dunha boa mensaxe, enfocados sempre aos obxectivos e KPI marcados para medir a súa eficacia e repercusión. Aínda que o noso eixo principal sexa o marketing de influencia e a creación de contidos, vimos do ámbito das relacións públicas e eventos polo que integramos na nosa carteira de servizos a relación con medios e a organización de eventos para que as estratexias sexan realmente diferenciais e consigan chegar a aquel público potencialmente interesado e que a mensaxe cale e impacte”.

PUBLICIDADE