En marcha a plataforma SmartWood: o remedio TIC para o abandono das parcelas rurais
luns, 15 de abril do 2019
O
proxecto SmartWood, unha iniciativa de investigadores da USC (Campus
de Lugo) para achegar unha ferramenta dixital que nos axude a saber
que facer con terreos forestais que non están a ser explotados (ou
que non teñen o rendemento axeitado), xa está a pleno rendemento e
con plataforma de seu, dispoñíbel en www.smartwood.app.
E faino logo de meses de funcionamento en probas e despois de recibir
diversos recoñecementos (como
por exemplo o primeiro premio da Greenweekend, do que falamos
recentemente en Código Cero). Así nolo comunicaron os
responsábeis da iniciativa, os impulsores da empresa Aleutos S.L,
empresa de consultoría centrada en asesoramento e deseño de
ferramentas adaptadas ás necesidades de dixitalización do rural.
Volvendo
a SmartWood, é unha aplicación de balde e aberta cuxo software
permite localizar as parcelas rurais e a súa optimización,
avaliando cal pode ser o mellor destino das mesmas, os traballos
precisos, os cultivos máis axeitados e, “o máis importante”, a
quen, como, cando e por canto se poden encargar traballos nelas,
sinalan os responsábeis de Aleutos, engadindo que SmartWood vén
cunha serie de vantaxes extra: é rápida, permite traballar dende
calquera lugar e facelo a través do móbil.
“Pretendemos
que con SmartWood o propietario teña centralizados e no seu teléfono
todos os datos que require para manter produtiva a súa parcela,
desde saber onde se atopa localizándoa no mapa, até saber que
plantar e cal será o custo dos traballos programados, amais de
permitirlle a contratación de todos os traballos precisos dunha
maneira cómoda e rápida”, sinalan os seus creadores, explicando
que estes procesos buscan poñer doadas as cousas aos propietarios e
“aumentar o número de predios que pasan de estar nun grave risco
de abandono a ser aproveitábeis con producións agrícolas e
forestais rendíbeis”.
De forma máis concreta, SmartWood posibilita a uns e outros (tanto a
donos como xestores de parcelas forestais) coñecer as especies que
están permitidas plantar nas explotacións segundo a normativa
vixente. O proceso, segundo indican dende Aleutos, é moi sinxelo, e
do que se trata é de introducir a referencia catastral ou localizar
a parcela a través da vista de mapa para logo obter a listaxe de
especies forestais permitidas nese emprazamento, así como as
distancias de protección que deben deixar en función da zona na que
se atopan, ou se é preciso solicitar algún tipo de permiso previo
para realizar a plantación en caso de situarse en zonas de especial
protección.
Ademais,
unha vez elixida a especie, a aplicación asesora sobre a axeitada
configuración da plantación, así como sobre os traballos de
mantemento a realizar, á vez que elabora un estudo de viabilidade
con todos os puntos de información precisos para avaliar a decisión
de realizar a plantación ou non.
SmartWood
non só se aplica no medio forestal, senón que tamén ten
funcionalidades para agricultura a través do seu portal web, no que
a través dun Sistema de Información Xeográfica online, os
agricultores e gandeiros poden ter centralizadas todas as súas
explotacións, de forma que mediante a súa monitoraxe con imaxes
satélite e drons poden acceder “a información veraz e real” de
como se atopa a súa produción ou se están afectadas por algún
tipo de praga que faga descender a fortaleza do cultivo e, polo
tanto, a súa produción.
A
última funcionalidade de SmartWood (esta máis centrada en gandaría)
é a posibilidade de acceder a un caderno dixital de pastoreo, para
levar ao día o caderno de agroambientais da PAC, sempre dispoñíbel
ademais no smartphone do gandeiro e consultábel e editábel
desde calquera dispositivo (tamén desde a web).
Aleutos
S.L. é unha empresa constituída a mediados de 2018 e que se está a
desenvolver desde o viveiro de empresas da Fundacion CEL Iniciativas
por Lugo. Os emprendedores que a conforman son José Luís Gude,
enxeñeiro en Xeomática e Topografía e director executivo do
proxecto; Begoña L. Castro, enxeñeira técnico industrial e
licenciada en Química e xefa de operacións e Siro González,
enxeñeiro informático e xefe de tecnoloxía.