En marcha a gran liga estatal de drons para o ámbito docente: a ITG Maker Drone

mércores, 11 de decembro do 2019 Redacción

Esta mañá presentouse na sede do Instituto Tecnolóxico de Galicia, na Coruña, a iniciativa ITG Maker Drone, que sería, en palabras do centro tecnolóxico, a primeira liga intercolexial de drons do ámbito estatal. Na cita de hoxe participaron 30 alumnas e alumnos de catro centros locais que van participar na competición. Jorge Seoane, responsábel de I+D da área de sistemas aéreos non tripulados de ITG e coordinador da iniciativa, explicou aos rapaces (todos eles de 3º da ESO dos colexios coruñeses Fogar de Santa Margarida, Franciscanas, Liceo La Paz e Obradoiro) o reto que terán que resolver nos vindeiros meses.
A primeira fase de formación, dirixida tanto aos 9 profesores da materia de tecnoloxía que dirixirán o desafío, como ao alumnado, xa comezou e finalizará no mes de decembro. Entre os meses de xaneiro e abril de 2020, os alumnos e alumnas participantes terán que deseñar e desenvolver un sistema electromecánico que, axustado a un dron (cedido por ITG), permita recoller unha botella de auga de 330ml, un brick de cartón de 1l, unha rede de artes de pesca e un obxecto sorpresa para trasladalos a un colector de lixo. O peso total do catro elementos non poderá exceder os 400gr. Ademais, o Instituto Tecnolóxico de Galicia asignará a cada centro un orzamento de 50 euros para a compra dos materiais complementarios que necesiten para a execución da súa idea.
“Trátase”, explica o centro TIC coruñés, “dun reto que promove a sensibilización polo coidado ambiental partindo de solucións creativas que se poidan desenvolver con ferramentas tecnolóxicas”. Ao seu abeiro, o ITG impartirá 3 obradoiros a cada un dos grupos participantes sobre mecánica e Impresión 3D; de compoñentes, sensores e programación, así como de bricolaxe e electrónica. O proxecto abrangue tamén formación para a pilotaxe destes drons que, cun peso máximo de 1.5 quilogramos, alcanzan unha velocidade máxima de 40km/h e teñen unha autonomía de voo de 15 min.
En maio de 2020 terá lugar a xornada final, un evento no que se realizarán as demostracións das solucións deseñadas por cada un dos equipos participantes e no que un xurado formado por representantes do ámbito académico, institucional e empresarial, valorará os traballos presentados atendendo a criterios de funcionalidade, capacidade de innovación, peso mínimo, axuste orzamentario, destreza na pilotaxe e calidade da presentación dos resultados.

PUBLICIDADE