En marcha unha campaña para acadar a tradución de Android á nosa lingua
mércores, 2 de outubro do 2013
Dende o blog Mallando no Android están a
comandar unha iniciativa dirixida a pór a nosa lingua e a nosa
cultura xusto no lugar no que se merece estar: alí onde se supón
que pode caer o epicentro das tecnoloxías móbiles e a súa
evolución. E no epicentro, ou polo menos moi preto del, debe estar o
sistema operativo Android, un recurso que está a experimentar un
proceso de medre imparábel (está no 90% dos teléfonos intelixentes
que se venden na nosa terra) pero que, moitos dos usuarios galegos
sabémolo dende hai tempo, non conta con versión oficial,
definitiva, na nosa lingua (unha versión que poña orde nas achegas
que fan a título individual e de xeito moi desigual).
Este baleiro, sinalan dende Mallando no Android,
pide a berros que nos poñamos mans á obra. Primeiro para pedirlle
entre todas e todos a Google, responsábel do dito sistema operativo,
faga o que ten que facer e poña á nosa disposición unha versión
galeguizada. A iniciativa colectiva está a coller corpo a través da
web androidengalego.
Dende o colectivo de Mallando no Android
mándalle a Google a seguinte mensaxe: o galego, por se non o saben,
“é unha lingua especialmente viva no eido das novas tecnoloxías,
non só pola súa importante presenza como lingua de uso nas redes
sociais (20ª lingua de uso en Twitter no ano 2009, moi por enriba do
seu peso poboacional e amosando un amplo grao de adopción temperá),
senón tamén pola existencia de potentes grupos de tradutores de
software (especialmente software libre) e de moi activos
desenvolvedores de aplicacións do máis diversas”.
E proseguen: “Entendemos que unha comunidade
lingüística da importancia da galega, cun número importante de
usuarios, alta penetración de Android e presenza de variados grupos
de desenvolvedores, merece que a súa lingua conte xa cun paquete
predefinido de idioma desde a versión base de Android, a
desenvolvida por Google, de forma que evite que a súa presenza en
cada terminal dependa da vontade dos fabricantes”.
En base a isto, os responsábeis da campaña
habilitaron un prego-manifesto para ser enviado polos internautas que
se adhiran á iniciativa, canalizado
a través da plataforma Change.org e da man de Iago Varela.
Asemade, animan a compartir o manifesto na rede social Twitter ou a
emprazar un banner na nosa web ou blog que ligue coa petición.
Entre as entidades que apoian esta reclamación atópase o blog
Mallando no Android, a operadora R, o estudo Smart GalApps, a firma
Neobit, RedInput, Zadia Software, Mobialia e HardGalicia.