En marcha Little Smart Planet, plataforma de xogos educativos para nenos baixo supervisión dos pais

martes, 16 de decembro do 2014 Redacción

Con vistas a esta Nadal, vénse de presentar estes días a plataforma Little Smart Planet, unha plataforma española de subscrición de xogos móbiles para nenos de Primaria. O servizo, que vén da man do mozo emprendedor Juan Baixeras, foi creado para que as nenas e os nenos tivesen por unha banda xogos novos ao seu dispor e, pola outra, unha plataforma de seguimento que lles facilitase un uso ideal das devanditas achegas grazas ao tutelado dos profesores, das nais e dos pais.
A orixe de Little Smart Planet está no intre en que Baixeras decatouse de que os seus propios fillos reclamaban a tableta ou o móbil para xogar. A pregunta que veu despois pois foi: Por que non aproveitar este interese dos cativos polos dispositivos e mesmo canalizalo cara un fortalecemento do aprendido no colexio? O resultado é un feixe de xogos que, sen ser deberes, si que teñen un importante alicerce didáctico. De feito, contaron para o seu desenvolvemento cun equipo pedagóxico específico.
“Para os pais e educadores”, sinala Juan Baixeras, “Little Smart Planet supón unha ferramenta de confianza para poder coñecer a evolución dos nenos no xogo. A plataforma segméntase en tres xogos por materia por cada curso, dentro de cada un deles os nenos deberán superar catro niveles. En total, poderanse descargar e gozar de 18 xogos por trimestre, é dicir 54 para acompañar aos nenos en todo o ano escolar.
Little Smart Planet, máis en detalle, é unha plataforma de subscrición de xogos móbiles para nenos de Primaria (6 a 11 anos) que lles permite ter intres de lecer xogando ao mesmo tempo que reforzan tres das materias troncais impartidas nos colexios: matemáticas, lingua e inglés. Os xogos, cuxos contidos e obxectivos foron fixados polo equipo de pedagogos de Little, baséanse no Deseño Curricular Base que o Ministerio de Educación (MCU) establece para todos os centros escolares. Amais disto, Little Smart Planet é, en palabras dos seus creadores, “unha completa ferramenta para pais e educadores e que lles permite coñecer os resultados do neno no xogo, porque o sistema de medición presta atención á consecución dos obxectivos curriculares para cada curso e etapa, sen perder de vista a adquisición das Competencias Básicas que a lexislación educativa establece acorde á Unión Europea”.
A plataforma adáptase a todo tipo de formatos, tecnoloxías e dispositivos. Amais, está dispoñíbel para tabletas ou smartphones, tanto nas tendas de Apple Store e Google Play, como en Windows Phone Store e Amazon. O servizo de xogos é de subscrición cun custo de 3,99 euros ao mes con quince días de proba de balde. Para os clientes de Movistar o prezo sería de 0,99 (IVE incluído) á semana.

PUBLICIDADE