En marcha Galiciencia 2021, en formato online e con 73 proxectos a concurso

mércores, 26 de maio do 2021 S. P.

Este 26 de maio arrincou a nova edición (a número 16) de Galiciencia, a feira científico-tecnolóxica da nosa terra, referente no ámbito dos eventos STEM estatais e internacionais. Impulsada novamente pola Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) e a axencia autonómica GAIN, este ano aposta unha vez máis por un formato online co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria das e dos participantes. O obxectivo (espertar vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato), mantense e mesmo fortalécese coa viraxe virtual, que expande horizontes e amplía o radio de acción. Haberá 73 proxectos a concurso.
A feira conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.
Continuará este xoves e venres, e a vindeira semana daranse a coñecer os gañadores do concurso de proxectos e do concurso de fotografías a través de Instagram.
O lema desta edición é A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento.
Durante a presentación do evento, a coordinadora de Galiciencia, Sabela Bouzo, técnica de proxectos de Tecnópole, salientou que “ao longo destes anos participaron en Galiciencia máis de 30.000 estudantes e presentáronse a concurso máis de 900 proxectos. Nesta edición van participar máis de 8.000 nenos e nenas de máis de 140 centros educativos de toda España, todo un récord. Foi un ano moi difícil para todos e tamén para os centros educativos, para os alumnos e os docentes, por iso agradecémosvos a vosa implicación”. Concluíu a súa intervención sinalando que “moitos de vós seredes os científicos e as científicas do futuro”.
Nesta primeira xornada celebrouse un espectáculo de ciencia baixo o título O mundo e as pandemias, dirixido a estudantes de Secundaria. Alumnas e alumnos do Colexio Marista Santa María de Ourense tivo a oportunidade de seguilo en directo nas instalacións de Tecnópole. O encargado de impartilo foi o divulgador científico David Ballesteros, director das aulas de investigación para mozos do Parque Tecnolóxico de Galicia. Durante o espectáculo realizouse unha aproximación á historia das grandes pandemias, as súas orixes e o efecto sobre a humanidade. E incidiuse na importancia da ciencia e a tecnoloxía para lograr unha solución á actual pandemia da COVID-19. No transcurso do mesmo leváronse a cabo diferentes experiencias prácticas como a visualización das principais vías de contaxio empregando luz ultravioleta, ou a comprobación experimental da eficiencia das máscaras.
Ademais, xa están expostos na páxina web www.galiciencia.online todos os proxectos que entran en concurso nesta edición, 55 de Primaria e 18 de Secundaria. O público tamén pode votar posto que haberá un premio á Mellor valoración popular.
Este xoves celebraranse dous obradoiros, onde os rapaces coñecerán a relación entre a ciencia e a investigación policial e a importancia da microbioloxía na saúde. Para poder participar nestes talleres, os rapaces dispoñen dun kit con materiais científicos e tecnolóxicos que se lles fixeron chegar ao seus centros educativos. Os organizadores da feira entregaron máis de 300 kits, que lles van permitir aos participantes desenvolver todas as actividades interactivas durante os tres días de Galiciencia Online.

PUBLICIDADE