En marcha CTBarbanza, revolucionaria cooperativa de proxectos tecnolóxicos

martes, 9 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Jorge Parada, co-impulsor do proxecto, nunha presentación recente da cooperativa TIC

Poden as iniciativas empresariais innovadoras e avanzadas tecnoloxicamente impulsarse dende concellos onde a tradición económica vai ligada a sectores privados e tradicionais? A resposta é clara: poden, deben e, aínda máis, están en perfectas condicións para facelo. CTBarbanza (Centro Tecnolóxico do Barbanza S. Coop. Galega) é un exemplo deste espírito innovador que xorde onde menos o esperas, neste caso de Barbanza, unha comarca fortemente ligada ao mar e ás actividades que xiran arredor do mar (a gastronomía, a pesca, a conserva, o turismo, etc). Segundo nos contan, trátase dunha cooperativa informática que, logo dun ano de “trámites, papeleo e burocracia”, vén de ser constituída (este mes de xullo) e xa está en activo, collendo impulso e facendo comunidade, mercado, clientes e colaboracións.
O centro tecnolóxico ten a súa orixe nun feito incontestábel: a necesidade que teñen as comarcas de xuntar forzas fronte a competencia dos grandes núcleos de poboación, ao tempo que xeran riqueza localmente. “Moitas empresas de consultoría informática, de creación de aplicacións web, de móbiles e de programas para escritorio teñen as súas sedes de operacións nas grandes cidades, sobre todo na Coruña, Vigo e Santiago, e as pequenas empresas acaban por botar man de xente de fóra da súa área de influencia para as súas solucións tecnolóxicas; nós cremos que isto debe cambiar, e que se pode estar máis preto, recorrendo a un veciño para fortalecer e facer medrar a túa idea de negocio”, cóntanos Jorge Parada, un dos impulsores de CTBarbanza, cooperativa que xorde co firme convencemento das vantaxes de apostar laboralmente pola xente que tes ao teu carón: “Nós cremos que para poder crecer, a nosa contorna tamén debe facelo, e por iso, tamén deseñamos e realizamos proxectos propios enmarcados na economía social, como por exemplo Beirarrúa, un marketplace para o comercio local que temos en base de desenvolvemento e probas”. Este proxecto, de feito, vai directamente encamiñado a axudar ao comercio local “dunha maneira innovadora”.
Nun plano máis concreto, CTBarbanza xurdiu da participación dos seus integrantes na aceleradora de economía social Laces, na que os impulsores da cooperativa barbanzá tiveron ocasión de coñecer unha manchea de profesionais e emprendedores de proxectos cunha gran proxección de futuro, cos que intercambiaron recursos e interesantes fórmulas de traballo.
Neste intre CTBarbanza atópase deseñando un plan de formación específica para introducir a programación na xente que non atesoura coñecementos de programación. “Esta é unha idea que levamos perfilando dende hai tempo, para dar unha saída laboral ás persoas en paro, e, ademais, xerar traballadores para un sector estratéxico do 4.0”, engaden.
Segundo explican, a clave non está tanto en competir como en xuntar forzas e axudarse mutuamente: “Nós vemos ás empresas do mesmo sector có noso non como competidoras senón como potenciais aliadas para gañarmos forza ou para impulsar habilidades dentro das sinerxías que se poden xerar”.
CTBarbanza tamén ten unha forte vertente de compromiso social coa súa contorna, de aí que teñan en marcha importantes descontos para as empresas da comarca e que participen activamente no apoio dos acontecementos locais, como por exemplo a Festa da Dorna de Ribeira.
A cooperativa vén da man dos seguintes profesionais das tecnoloxías:
· Jorge Parada Fernández (Ribeira). Desenvolvedor FullStack, con 15 anos de experiencia en múltiples linguaxes, como Java, TypeScript, Php, Phyton, etc.
· Daniel de la Concepción Fernández (Ribeira): Desenvolvedor FullStack con 6 anos de experiencia, nos que ten pasado tamén por varias linguaxes de programación, e plataformas de desenvolvemento. Dende aplicacións móbiles nativas a páxinas web e servizos de backend.
· Fernando Ferro Cebreiro (Boiro). Técnico de Sistemas, que ten participado no deseño, instalacións, montaxe e mantemento de infraestruturas de redes con máis de 150 computadores con uso intensivo.
· Tania Rodríguez Cadillo (Ribeira). Deseñadora gráfica con cinco anos de experiencia, especializada en fotografía comercial e deseño web.
Os membros da plataforma, amigos e compañeiros de profesión e proxectos, teñen traballado colectivamente (e activamente) coa firma PhrSoftware, á que consideran un socio estratéxico no seu desenvolvemento. Malia que a comunidade está formada por catro integrantes, confían en afrontar un forte período de crecemento para a recta final de ano, “apostando sempre polo talento e a dedicación da xente da zona”. Recentemente concederon unha entrevista sobre as orixes do proxecto que se pode ver en YouTube.

PUBLICIDADE