En decembro verá a luz unha aventura gráfica baseada en Game of Thrones

luns, 17 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Telltale Games, o estudio que adaptou historias como Los Muertos Vivientes e Fábulas da banda deseñada ao videoxogo atrévese agora a chantar o dente á serie de televisión Game of Thrones, e no mes de novembro debería estrear o primeiro episodio desta título que estará dispoñible para PC, Mac, PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One, iOS e outras plataformas.
O primeiro episodio de Game of Thrones: A Telltale Games Series titularase Iron From Ice, e contará a historia da Casa Forrester en plena Guerra dos Cinco Reinos, situada cronoloxicamente tras a terceira tempada da serie televisiva da HBO e antes do comezo da quinta tempada.
Curiosamente os Forrester non saíron na ficción televisiva, pero si entran no canon dos libros de George R. R. Martin, de xeito que Telltale ten así un camiño para desenvolver unha historia nova respectando á historia principal, da que poderemos ir coñecendo detalles do seu desenvolvemento a través dos 5 protagonistas da aventura, que achegarán cadanseu punto de vista (na liña da narración dos libros nos que se basea a serie).
Aínda que polo momento sabemos pouco desta historia que se narrará en 6 episodios, veñen de filtrarse algunhas imaxes que permítenos ver a aparencia que terá esta produción tan coidada que sen dúbida enganchará aos incondicionais das aventuras de Martin.

No novo xogo de Telltale poderemos ver aos personaxes de Game of Thrones coa aparencia propia da serie de televisión da HBO

PUBLICIDADE