En Ames a veciñanza do rural poderá capacitarse dixitalmente cunha serie de obradoiros

martes, 31 de agosto do 2021 S. P.

O Concello de Ames está en pé de loita contra fenda dixital, agravada pola pandemia e moi presente, por desgraza, nos ámbitos non urbanos do noso territorio. Con este motivo, a Concellería de Cultura habilitou unha serie de cursos para achegar coñecementos sobre novas tecnoloxías ás parroquias de Ames. A veciñanza interesada xa pode formalizar a inscrición. Os obradoiros terán unha duración de 25 horas prácticas, repartidas durante 3 meses en dúas horas á semana. Ofértanse 10 prazas en cada un deles.
O obxectivo principal deste programa é “familiarizar aos veciños/as co uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, ensinándolles a incorporalas a distintos aspectos da vida diaria, de xeito seguro e axeitado”, informaron as responsábeis de Cultura, engadindo que con este programa “darase resposta á unha das demandas dos Orzamentos Participativos do ano 2020”.
Nas primeiras sesións impartiranse nocións básicas de iniciación á informática o sistema operativo, o uso do teclado, a elaboración de documentos sinxelos ou o tratamento da imaxe. Nas seguintes xornadas aprenderase sobre a navegación por Internet, o uso de distintos navegadores, o emprego dos buscadores, o correo electrónico, as redes sociais, o almacenamento na nube, a realización de distintos trámites a través da rede, aspectos de seguridade a ter en conta, etc.
Ademais, o curso, a pesar de que se desenvolverá co uso de equipos informáticos, inclúe explicacións para aprender a quitarlle o máximo partido aos dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE