Empresarias de Vigo avogan polas redes para conciliar vida laboral e familiar

venres, 7 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

O máis semellante que hai ó traballo tradicional é o teletraballo, que vén dado pola mediación das novas tecnoloxías. Isto que semella unha obviedade vén a conto para subliñar que xa existe chan firme como para permitilo. É dicir: xa se teñen subido chanzos no evoluír das redes como para posibilitar –nalgúns traballos concretos- facer o mesmo dende o fogar que dende a oficina. Isto semella especialmente práctico para persoas con mobilidade reducida, sexa da índole que sexa. Por exemplo: persoas que teñan coidar de familiares. Segundo os participantes na cuarta e derradeira xornada do programa Nin máis nin menos (promovido por Agestic e posto en marcha no marco do Plan Avanza), o teletraballo pode ser a chave para conciliar vida familiar e laboral dun xeito cómodo e eficaz para todos os implicados.
No encontro, que tivo lugar en Vigo, participaron 13 relatoras e relatores e todos coincidiron na necesidade de acadar máis igualdade entre homes e mulleres no eido social e laboral. Para isto, sinalaron, cómpre esixirlles máis ás administracións e ás empresas e poñer en xogo o meirande número de instrumentos. Por exemplo as redes. Neste senso, Inmaculada Rodríguez Cuervo (a directora de MRF Mecanizados Rodríguez Fernández) sinalou o amplo potencial do teletraballo, tanto para mulleres como para homes: “A conciliación hai que acadala en todos os eidos”, dixo.
Nunha liña semellante de aposta polas redes sitouse Laura Berardi, responsable de Florcity.com, quen cualificou ás novas tecnoloxías de elementos fundamentais do medre da súa firma, posto que son as canles que lle permiten levar calquera tipo de produto floral dende o seu local físico en Nigrán cara a calquera recanto do mundo. Porén, todo é mellorable, e respecto das redes o máis deficitario en Galiza son as condicións de acceso, malas ou nulas en canto saes dos núcleos urbanos. “Nigrán está a 15 minutos de Vigo, pero semella que está moito máis lonxe”, sinalou Berardi, aludindo directamente ós problemas técnicos e de infraestruturas que ten a rede galega.
Conclusión en Santiago
Segundo informa Agestic, o ciclo chega á súa fin definitiva o vindeiro xoves día 13 en Santiago, cun gran encontro de mulleres emprendedoras. O obxectivo é convidar ás empresarias galegas a falar da súa loita particular por saír adiante no eido profesional ó mesmo tempo que o concilian coa vida familiar. Tamén se avaliará o papel dos recursos tecnolóxicos no seu día a día. Amais disto, proxectarase un documental rodado durante a celebración do ciclo.

PUBLICIDADE