Emprendedores 2020 leva ao CNTG a súa mensaxe anti-crise

luns, 1 de xullo do 2013 Redacción

O vindeiro martes 9 de xullo, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) vai dar acubillo a unha das paradas galegas da iniciativa Emprendedores 2020, unha xira-programa que vén da man da Escola de Organización Industrial e dun grupo de xornalistas, avogados, economistas, empresarios e profesores (unidos no Grupo DiarioCrítico) e que se dirixe a espertar, alá por onde vai, espíritos e vocacións xeradoras de innovación, produtividade, sustentabilidade e riqueza. A parada compostelá dará comezo ás 16.30, contándose coa presenza do xornalista Fernando Jáuregui e, máis tarde, coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O programa, como dixemos, diríxese a consolidar os alicerces dunha economía diferente da que coñecemos, máis activa, integradora e baseada no coñecemento. A mensaxe, engádese, é aplicábel a un amplo número de cidadáns: emprendedores potenciais “que non se resignan a depender do orzamento estatal ou da nómina do desemprego, ou a emigrar a outros países”, sinalan os responsábeis da iniciativa.
Emprendedores 2020 é unha iniciativa sen arela de lucro encamiñada a facer abrollar o que os promotores do programa cualifican de xeración 2020, “unha xeración de emprendedores, loitadores, xente preparada que non se conforma co que lle foi dado”. As persoas que traballan para alentar este proxecto son estas:
Fernando Jáuregui
Alicia Hernández
Ignacio Esteban
Mónica Urgoiti
Manuel Ángel Menéndez
Pablo Soler
Pablo M. Beleña
Javier Fernández Arribas
José Manuel Pazos
José Manuel Fouz
Lourdes Carmona
Emilio Martínez

PUBLICIDADE