Emiten ilegalmente un combate de UFC facéndoo pasar por un videoxogo

luns, 4 de decembro do 2017 Marcus Fernández

As emisións televisivas de combates de boxeo e loita ou de distintos encontros deportivos son todo un reto para as plataformas de streaming en directo, e algúns grandes combates de boxeo tiveron moito seguimento a través de Periscope en retransmisións ilegais que poderían chegar a considerarse emisións sociais xa que o que se emitía dende o móbil dos usuarios nalgúns casos non era só a velada televisiva, senón tamén a sensación de contemplala en compañía. Pero esta zona gris vén de atopar un novo xeito de vulnerar os dereitos televisivos que sorprende pola súa xenialidade, xa que un xogador de videoxogos o pasado sábado retransmitiu unha velada completa de UFC dando a entender que estaba a botar unha partida ao EA Sports UFC.
Cómpre lembrar que nos últimos anos os xogos deportivos teñen un nivel gráfico extraordinario, e en moitas ocasións resulta difícil diferencialos das emisións televisivas, pero conseguir o contrario resulta moi curioso, e o feito de poder ver ao xogador sobreimpreso no sinal de televisión dando a entender que estaba a gozar do videoxogo baseado na competición de artes mariais mixtas foi un xeito de vulnerar o copyright moi orixinal, que chamou a atención incluso dos medios especializados no deporte de contacto.
O responsable da emisión, AJ Lester, ten máis de cinco mil seareiros en Twitch e preto de nove mil subscritores en YouTube, cando até hai pouco non superaba os dous seareiros, polo que vese que esta orixinal retransmisións fixo que captase a atención de moitos.
Non parece que este pirateo audiovisual tivese consecuencias negativas para as plataformas que ofrecían a velada de xeito tradicional, pero si parece que beneficiará a EA Sports, xa que a anécdota está a facer moito ruído nas redes sociais, o que non deixa de ser publicidade de balde dos seus xogos.

PUBLICIDADE