Eloy Velasco lembra nas xornadas do CPETIG que trala suba da cibercrimanidade económica atópase en boa medida a crise
venres, 10 de outubro do 2014
Ao abeiro da Xornada
de Informática Xudicial do CPETIG -este venres en Santiago-
tivemos ocasión en Código Cero de falar cun vello coñecido desta
xuntanza, o maxistrado Eloy Velasco, cuxo relatorio abría a xeira
vespertina de actividades baixo o seguinte epígrafe: O novo
escenario xurídico-probatorio ante a ilegalización da directiva
europea de conservación de datos. Lembrar que Velasco, un dos
máis senlleiros impulsores dos procesos actuais de modernización da
Xustiza (modernización de contido, pero tamén de formas e canles,
abríndolle a porta a novos instrumentos tecnolóxicos) é xuíz do
Xulgado Central de Instrución Número 6 da Audiencia Nacional.
O maxistrado, antes de
introducírmonos en materia, confesou sentirse moi a gusto Galicia,
unha terra que coñece ben, de feito xa participou en varias ocasións
na xornada do CPETIG, incluída a edición 2013. Collendo o fío
temático dos posíbeis cambios acontecidos en materia
tecnolóxico-xurídico-policial no escenario español ao longo dun
ano (dende a anterior edición da xornada a esta convocatoria 2014),
Velasco fixo fincapé en como evolucionou dende aquela a
natureza e tipoloxía dos principais delitos TIC. Segundo fixo saber,
ao longo destes doce meses pasouse dunha porcentaxe do 60% a unha do
80% no que se atinxe á delincuencia informática de índole
cibereconómica. Pola contra, baixaron ou mantéñense as taxas de
criminalidade en liña en materia sexual e de roubo de información.
Para o maxistrado, non hai dúbida algunha en que a crise
xeneralizada da que aínda estamos a vivir as súas máis serias
consecuencias está entre os principais motivos deste repunte.
Respecto do estado de
saúde das entidades policiais e xudiciais dos que dispón España
para combater as ditas prácticas, Velasco afirmou que “sen dúbida
existe un elevado nivel profesional” e que o país está a día de
hoxe “na vangarda da investigación TIC a nivel da Unión Europea”.
Ademais, engadiu que a relación entre informáticos, policías e
profesionais da Xustiza é cada vez máis estreita, e que desta
sinerxía están a xurdir importantes achegas a prol do
desenvolvemento do ámbito tecnolóxico-xurídico.
Xa en materia de cifras
propiamente ditas, Velasco lembrounos previamente ao seu relatorio
que o número de delitos informáticos cometidos en España en 2012
foi de arredor de 45.000. Deles, confesou, resolveuse unha pequena
parte, “sobre todo porque os cibercriminais sempre tentan ir por
diante da Xustiza e da investigación policial”. Unha boa parte
destes delitos teñen que ver co acoso aos menores de idade. Ao fío
disto, Velasco comentou que a situación da mocidade española en
materia de protección nas redes aínda deixa moito que desexar. Ao
seu entender, dáse entre os adolescentes unha mestura fatal entre
inxenuidade e falta de información, polo que é máis preciso que
nunca intensificar o labor preventivo e formativo con respecto aos
posíbeis riscos que lles poden agardar a raíz dun mal uso das TIC.
Na súa opinión, “falta tamén que a Lei reflexione sobre isto e
nos achegue un estatuto acorde cos tempos nos que vivimos”.