Elon Musk declara a guerra a Apple

martes, 29 de novembro do 2022 Marcus Fernández

O pasado venres abriuse o debate en Twitter sobre a posibilidade de que Apple e Google expulsasen Twitter das súas tendas de aplicacións por mor da intención de Musk de reducir o control sobre os contidos publicados, chegando a pórse sobre a mesa a posibilidade de que Elon Musk puxese á venda un smartphone alternativo, o que parece que era o preludio da nova lea na que ía meterse o actual propietario de Twitter: unha guerra aberta con Apple.
Coméntase que a metade dos anunciantes de Twitter conxelaron as súas campañas ante a inseguridade da plataforma (temen que os anuncios se asocien a contidos que poidan provocar rexeitamento) e finalmente foi a propia Apple a que reduciu ao mínimo a súa publicidade en Twitter, o que é especialmente relevante polo mero feito de que Apple é o meirande anunciante na plataforma social, e a súa retirada podería provocar un efecto en cadea. Pero a reacción de Musk foi probablemente a menos razoable posible, xa que en vez de tentar recuperar ao anunciante con garantías, acusa a Apple de «odiar a liberdade de expresión nos EE.UU.», chegando a pórse catastrofista, asegurando que «esta á unha batalla polo futuro da civilización».
Musk aproveitou a situación para protestar ante as comisións que aplica a App Store ás compras realizadas dentro das aplicacións de iOS, as que define como «un imposto secreto do 30%», o que resulta bastante absurdo, xa que é algo sobradamente coñecido, que incluso acaparou grandes titulares de prensa por mor do conflito xudicial entre Apple e Epic Games por mor das compras dentro do xogo Fortnite (ou polo mero feito de que forma parte do modelo de negocio da maioría das tendas de aplicacións).
Elon Musk chegou a publicar unha fotografía (agora borrada) na que sostiña que como alternativa ás comisións de Apple a única opción era ir á guerra contra a compañía de Cupertino e, de feito, publicou varios chíos no mesmo sentido en poucas horas.
Musk está a loitar en paralelo contra as comisións e contra as políticas de moderación de contidos da App Store, cando son normas básicas da plataforma, que deberían terse claras dende o primeiro minuto. De feito, outras plataformas sociais (como Parler ou Truth Social) tiveron que adaptar as súas políticas de contidos para poder estar nas tendas de iOS e Android, e de non querer facer tal a solución está clara: a web. Precisamente a web é a outra solución para non ter que pagar comisións a Apple, e foi o propio Musk quen pechou a posibilidade de subscribirse a Twitter Blue dende fóra da App Store (que era o xeito habitual de subscribirse anteriormente), polo que resulta ridículo que agora proteste por unhas comisións propios dun sistema de pagamento que Musk impón aos subscritores de Twitter Blue.

PUBLICIDADE