Elixidos os cinco proxectos que obterán aceleración en R DiCo Challenge

venres, 22 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Finalmente xa temos os nomes dos cinco proxectos que van participar na aceleradora R DiCo Challenge. Os gañadores, elixidos dun total de 20 propostas, foron dados a coñecer polo comité avaliador do programa de startups da operadora, integrado por dous representantes de R e dous da AMTEGA con asesoramento da CRTVG, que mentorizará un dos retos. Os proxectos seccionados collerán impulso dentro da aceleradora DiCO, contando con cadanseu mentor, axuda económica da axencia AMTEGA e o espazo startups R (habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura) á súa disposición, entre outras facilidades e servizos.
As devanditas cinco propostas son as seguintes:
· En resposta ao reto 1, enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, o proxecto elixido foi Futboleando.Gol, de M International. O piloto, mentorizado por Diego Rodríguez Devesa, responsábel de contidos televisivos de R, propón un servizo de retransmisión automatizada en diferido de partidos de fútbol base, integrado coa plataforma de distribución de contidos de R e do grupo Euskaltel.
· Na contorna do reto 2, aplicacións para Android TV, foi seleccionado o proxecto Brain Games TV, promovido por Cuicui Studios e mentorizado por Antonio Ratón, responsábel de televisión na área de Innovación de R e do grupo Euskaltel. A proposta é desenvolver unha aplicación de Android TV de xogos de Brain Training adaptados ao formato televisivo, integrada na plataforma de R.
· Para o reto 3, contidos formativos e divulgativos innovadores, escolleuse o proxecto de Adivina Producciones, FVR- Fila de Realidade Virtual. Mentorizado por Leticia Sánchez, directora de Televisión do grupo Euskaltel, FVR contempla o desenvolvemento dun servizo viábel de retransmisión en diferido de contidos culturais, especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180o.
· No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, o comité avaliador decidiuse pola proposta de Mario Pérez, Visualización Big Data, que mentoriza Esther Medina, xefa do servizo de Innovación da CRTVG. O proxecto consiste na posta en marcha dun sistema de recolección e análise masiva de datos orientado á mellora da programación televisiva.
· Finalmente, no apartado de reto aberto escolleuse o proxecto AliCE, (www.alicebiometrics.com), promovido polo Centro Tecnolóxico Gradiant e mentorizado por José Cadavid, responsábel de Plataforma e Big Data do grupo Euskaltel. Desta volta a idea é desenvolver un piloto dun sistema de retención de novos clientes utilizando tecnoloxías de recoñecemento facial que eviten a suplantación de identidade (anti-spoofing) para confirmar de xeito automático a identificación dos usuarios.
Defensa e demostración: do Pitch Day ao Demo Day
Os cinco proxectos seleccionados competiron o pasado 7 de marzo nunha xornada de pitching na Cidade da Cultura de Santiago, xunto con outras quince propostas orientadas a algún dos cinco desafíos tecnolóxicos da aceleradora para o programa deste ano. Tratábase de convencer, nuns cinco minutos, da utilidade e viabilidade das iniciativas, e de explicar de que maneira as levarían á práctica cun plan de negocio.
Unha vez coñecida a identidade dos cinco proxectos que pasan á fase de aceleración, comeza este último treito do programa startups R DiCo Challenge 2018-19. Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e poderán optar á axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento das propostas. Como dixemos máis arriba, tamén poderán empregar o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo.
Ademais, R converterase para eles “nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado”.

PUBLICIDADE