Eliminan unha perigosa medida de seguridade incluída na versión para PC de Street Fighter V

luns, 26 de setembro do 2016 Marcus Fernández

A semana pasada o xogo Street Fighter V recibiu a súa actualización de setembro, de xeito que recibiu ao personaxe Urien, incorporou os obxectivos diarios (animando así aos usuarios a xogar con máis frecuencia) e engadiuse tamén un novo traxe para Necalli, novidades que poderían considerarse bastante superficiais, pero que no caso da versión para PC do xogo viñan acompañadas con un sistema de protección contra copias e contra trampas que provocou grandes problemas, que provocou que finalmente Capcom decidise retrotraer a actualización.
A medida de seguridade que incluía a actualización de setembro pretendía evitar o funcionamento de cracks que permitían o uso de copias piratas do xogo, á vez que tamén impedía o uso de certos trucos que permitían trucar o sistema económico do xogo para poder desbloquear contidos que non se conseguiran de xeito lexítimo, pero a cura resultou ser peor que a enfermidade, de xeito que algún antivirus identificaba a actualización como un virus, e con moita razón, pois a protección aplicada era un rootkit, práctica moi perigosa, que poría en risco a seguridade dos equipos informáticos afectados, o que tras ser denunciado polos usuarios levou a unha desculpa de Capcom e dar un paso atrás, deixando unha grande sensación de malestar entre os xogadores de Street Fighter V para PC, que tiveron problemas co xogo durante varios días e sentiron como Capcom abusaba da confianza que depositaran na compañía ao empregar o seu xogo de loita de referencia.

Os usuarios denunciaron que a medida de seguridade de Street Fighter V tratábase dun perigoso rootkit

PUBLICIDADE