Eliminan da App Store unha aplicación para promocionar festas secretas

mércores, 30 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Nun momento crítico para a pandemia, xa que as festas de Nadal e despedida do ano poden provocar repuntas de contaxios, xorden iniciativas con moi pouco sentidiño, como a aplicación móbil para iOS chamada Vybe Together, que prometía dar conta de festas privadas próximas, para poder acudir ás mesmas de recibir a aprobación dos organizadores, que achegan o enderezo das mesmas 2 horas antes do seu inicio, medida de control para manter certo control.
Estas festas poden ser de balde ou de pagamento (neste segundo caso a aplicación recibe unha comisión pola operación), pero enténdese que a meirande parte destes encontros son totalmente ilegais e de alto risco na situación sanitaria actual e, tras destaparse a existencia da aplicación e denunciarse que estaban a utilizar TikTok para a súa promoción, a reacción de Apple non se fixo agardar e eliminaron a aplicación da súa tenda.
Cómpre salientar que a aplicación aínda era pouco coñecida, pero o risco do seu uso era evidente, polo que podemos entender que a aplicación pase á historia como unha mala idea para o momento actual, pero que no futuro podería ter unha boa acollida de conseguir un boa base de usuarios.

PUBLICIDADE