Electronic Arts aceptará devolucións dos seus xogos descargables

martes, 20 de agosto do 2013 Marcus Fernández

A tenda de xogos descargables para PC de Electronic Arts, Origin, está estes días moi de actualidade grazas ao último Humble Bundle que recada fondos para causas solidarias (conseguindo xa xuntar máis de 7 millóns de dólares, cando aínda faltan máis de 8 días para rematar a actual campaña), e aproveitando a ocasión para mellorar a súa sona e poder destacar fronte ao seu principal competidor (Steam) anuncian a estra da súa Garantía de Gran Juego, que permite solicitar a devolución dun xogo no caso de que non funcione ben no noso equipo (algo difícil de prever segundo as esixencias técnicas de cada título) ou que non cumpra coas nosas expectativas.
Poderemos solicitar o reembolso dos xogos de descarga dixital mercados en Origin ata 7 días despois da súa compra/estrea e 24 horas despois de xogalo por primeira vez, pasando a bloquearse ao presentar a solicitude, de xeito que antes de 48 horas recibirase unha resposta, para recibir a devolución dos cartos en 7-10 días.
Esta garantía só se aplica a xogos descargables de Electronic Arts, e pode ter algunha excepción nas que se indicará (como promocións especiais).
Con este tipo de medidas búscase que o usuario non tema á hora de adquirir un xogo dixital, e poida gozar das mesmas garantías que cun xogo físico (ou incluso máis), á vez que servirá para que os xogadores que non teñan un ordenador á última poidan arriscarse a mercar un título sen estar certos de que funcionará de xeito fluído no seu equipo grazas á garantía de devolución.

PUBLICIDADE