El Poder de la Fuerza chega ás tendas españolas

venres, 19 de setembro do 2008 Marcus Fernández

A saga de Star Wars escribe hoxe en España un novo capítulo, pois chega ás tendas o xogo El Poder de la Fuerza para Xbox 360, PS3, PS2, PSP, Nintendo DS e Wii, de xeito que os seguidores da saga de George Lucas poderán afondar no que acontece entre os Episodios III e IV da saga cinematográfica.
O xogo comeza cunha fase na que nos deixa tomar o control de Darth Vader, para desatar todo o poder de destrución do Lado Escuro da Forza, dando lugar á orixe do seu aprendiz, Starkiller, que será o noso personaxe no resto da aventura na que os combates épicos, os seres incribles e a traizón son habituais.
Se ben o xogo non é perfecto, o seu nivel é moi superior aos últimos títulos baseados na franquicia de Star Wars, destacando especialmente a ambientación que envolve toda a aventura e o feito de que as voces estean dobradas (algo que certas produtoras descoidan demasiado).
Tecnicamente o xogo tamén resalta, pois combina por primeira vez as tecnoloxías Digital Molecular Matter (de Pixelux Entertainment) e Euphoria (de NaturalMotion, e que dera vida aos personaxes de Grand Theft Auto IV), que achegan un grande realismo a obxectos e inimigos.
Para rematar, El Poder de la Fuerza non é só un xogo, senón que tamén vén acompañado de figuras de acción, libros e outros produtos asociados, ou sexa, que podería ser o comezo da explotación dunha perspectiva do mundo de Star Wars que non coñeciamos, e que podería resultar máis atractiva que o lapso entre os Episodios II e III que explotan nas series de animación das Guerras Clon.

PUBLICIDADE