El Intrépido Batman fará uso da conectividade entre Wii e DS

martes, 17 de agosto do 2010 Marcus Fernández

A Nintendo DS e a Wii recibirán o vindeiro 10 de setembro un videoxogo baseado na serie de televisión El Intrépido Batman, emitida en España a través de Clan TVE, e que vai sorprender agradablemente polo feito de que as súas distintas versións serán compatibles entre si, de xeito que aproveitan a conectividade sen fíos de ambas consolas para comunicalas, permitindo que mentres un par de persoas manexen na Wii a personaxes coma Batman, Robin, Green Lantern ou Hawkman, poida unirse para axudar un terceiro xogador dende unha Nintendo DS encarnando a Batmiúdo, a quen coñecerán especialmente os que seguiran a serie de animación que emitida nos primeiros anos da TVG (concretamente en 1986).
Resulta curioso que sexa este título o que sorprenda con tal funcionalidade tan pouco habitual (o Zelda: Four Sword permitía algo semellante ao conectar a GameCube coa GameBoy Advance) e sería desexable que outras compañías tomasen exemplo, pois as posibilidades de xogo que se abren coa interconexión de consolas resultan moi interesantes (especialmente porque fomentan tanto o xogo en grupo como a adquisición do mesmo título para distintas plataformas).

JPEG - 42.3 KB
Batmiúdo fíxose popular en Galicia a través dunha serie de televisión emitida pola TVG en 1986
JPEG - 65.6 KB
Na serie de animación de El Intrépido Batman facía acto de presenza o simpático Batmiúdo, cunha estética máis propia da súa versión para cómic que da súa anterior encarnación televisiva

PUBLICIDADE