Eevee e Pikachu terán unha Nintendo Switch de seu

martes, 11 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O 16 de novembro sairán á venda os xogos Pokémon: Let’s Go, Pikachu! e Pokémon: Let’s Go, Eevee! para Nintendo Switch, que introducirán un novo estilo de xogo e que, aínda que estean inspirados no clásico Pokémon: Edición Amarilla: Edición Especial Pikachu, non estamos ante títulos dentro da serie principal de Pokémon, senón que encaixarían na súa vertente para dispositivos móbiles, Pokémon Go, de xeito que non estariamos realmente ante o agardado Pokémon de Switch, o que non impide que Nintendo non confíe na boa recepción destes títulos e anunciase que van chegar acompañados por unha versión da Switch moi especial.
Temos así que o propio día de lanzamento dos novos xogos de Pokémon estarán dispoñibles uns lotes de xogo (calquera dos dous) cunha Poké Ball Plus e unha consola Nintendo Switch moi rechamante, con mandos Joy-Con de cor amarela, unha parte traseira estampada coas siluetas de Pikachu e Eevee e unha base na que tamén aparecen as figuras de Eevee e Pikachu, no que sería a primeira edición especial da Nintendo Switch dende o seu lanzamento.
Esta versión da Nintendo Switch será de edición limitada e, ao incluír un xogo e un accesorio, o seu prezo será superior ao habitual, esperándose que chegue ás tendas a 439,90 euros (prezo tamén bastante superior aos 399,99 dólares que terá nos EE.UU.).

A parte traseira da Nintendo Switch ten estampadas as siluetas de Pikachu e Eevee

Vídeo promocional da Nintendo Switch edición Eevee e Pikachu

PUBLICIDADE