Educación e AMTEGA incorporan 125 novos centros ao seu proxecto de ensino galego dixital

martes, 16 de xuño do 2020 S. P.

A Consellería de Educación e a axencia autonómica veñen de facer pública a incorporación de 125 novos centros ao proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2020/21. Ademais, catro centros docentes xa adheridos a esta iniciativa (habilitada para afianzar a presenza das novas tecnoloxías nas aulas) ampliarán a súa participación. Os ditos departamentos do Goberno galego fan saber que o vindeiro curso será especialmente destacado na evolución do programa, posto que se decidiu ampliar en 75 o número de centros que estaba previsto incorporar ao proxecto, “co fin de avanzar na dixitalización do ensino galego”.
AMTEGA e Educación lembran que a través deste programa equípanse ás alumnas e alumnos, de xeito gratuíto, de libros e outros materiais dixitais cos que poidan desenvolver o seu proxecto curricular de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO.
O proxecto E-Dixgal, que impulsan a Consellería e a AMTEGA, enmárcase na Estratexia Edudixital 2020. Neste curso participan neste proxecto un total de 345 centros, que continúan tamén no programa. Tras estas novas incorporacións, formarían parte do E-Dixgal 470 centros educativos.
Os centros que se incorporan a este proxecto serán dotados cos medios tecnolóxicos necesarios na aula para profesorado e alumnado. Ademais, terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Xunta e deberán utilizar para o desenvolvemento curricular materiais de referencia dixitais, que poden proceder desta contorna ou ser proporcionados polo centro.
Educación e AMTEGA lembran tamén que “ca incorporación ao E-Dixgal” en Primaria implica impartir todas as materias en modalidade dixital; mentres que facelo en ESO supón impartir un mínimo de seis materias, a elección do centro, en modalidade dixital. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos dixitais, poden empregarse como complemento ou apoio.
Todos os centros implicados no programa teñen acceso á plataforma EVA E-Dixgal, con contidos de aulaPlaneta, Netex, Edebé e Pearson; ademais de ter acceso aos contidos xerados na iniciativa Dixit.


PUBLICIDADE