Educación achega á UDC 7,2 millóns de euros para avanzar en dixitalización e impulsar proxectos de I+D

venres, 18 de xuño do 2021 S. P.

O reitor, Julio Abalde, e o conselleiro, Román Rodríguez, xunto co vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo, e o secretario Xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro.

A Xunta de Galicia achegará á Universidade da Coruña un total de 7,2 millóns de euros para avanzar en dixitalización académica e para proxectos de investigación. Así o fixo saber o conselleiro de Cultura e Educación Román Rodríguez, que se reuniu na mañá deste 18 de xuño co reitor Julio Abalde para asinar (na Reitoría da UDC) un novo convenio de colaboración entre as entidades.
Mediante este acordo, a Xunta aportará á UDC 2,8 millóns de euros para accións de innovación académica, dixitalización ou renovación tecnolóxica e de infraestruturas.
As accións englobadas no ámbito da innovación ou renovación tecnolóxica inclúen iniciativas concretas para a renovación tecnolóxica (licenzas, ciberseguridade,..), a formación en competencias dixitais e o impulso da Administración Electrónica.
No ámbito da dixitalización a Universidade poderá implantar melloras na súa contorna tecnolóxica para a docencia e a transformación da xestión académica. “Trátase de mellorar a potencia dos sistemas de vídeo-conferencia, as prestacións do traballo colaborativo e asegurar a conectividade de todos os usuarios, ao que se engade o mantemento dos equipos informáticos, equipos e software”, explicou o reitor.
En canto ás infraestruturas, búscase aplicar unha serie de melloras como potenciar a ventilación, acondicionamento ou reformas de espazos, accesibilidade e seguridade. Así mesmo, a UDC poderá implantar tamén iniciativas que busquen a mellora da eficiencia enerxética a través de reformas parciais ou integrais de edificios como centros de ensino ou de investigación.
No acto, tanto o conselleiro como o reitor aproveitaron para facer un balance deste curso. Rodríguez manifestou o seu agradecemento “á universidade agora que remata o curso máis atípico e complexo da historia recente”. E engadiu: “As universidades deron un exemplo de adaptación a unha situación complicada”.
Pola súa banda, o reitor recoñeceu o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidades. “Nunha situación de pandemia agradecemos á Consellería que nos acompañase para superar esta situación, na que as universidades fomos quen de manter as nosas actividades”.
Ao convenio asinado este 18 de xuño, seguiralle a semana próxima un segundo por un importe de 4,4 millóns de euros para proxectos de investigación.

PUBLICIDADE