Edisa amosará en Conxemar as últimas novidades de xestión da súa plataforma Libra

venres, 13 de setembro do 2013 Redacción

A empresa galega Edisa vén de informar que vai estar presente no salón Conxemar, feira internacional con sede en Vigo e dirixida a expoñer e amosar en detalle as máis recentes innovacións do sector dos produtos do mar conxelados, e tamén “para o sector”. Precisamente este será o cometido das empresas externas a este tecido como Edisa: mostrar as últimas novidades de interese para a optimización da xestión das compañías de conxelados. Neste senso, a firma TIC dará conta das funcións e potencialidades da súa plataforma Libra, entre as que salientan os últimos avances en mobilidade, a posibilidade de integración con redes sociais, os máis recentes avances para a xestión de multiproducción, os sistemas de toma de datos en planta e o funcionamento na nube.
“Todo iso”, informa Edisa, “permite ás empresas do sector o funcionamento en contorna cloud computing ou o acceso ao sistema desde múltiples plataformas tanto ordenadores persoais, como tabletas e teléfonos móbiles”. Asemade, a firma exporá na feira (a celebrar do 1 ao 3 de outubro) os principais elementos diferenciais de Libra, incluíndo aspectos como a xestión do seguimento dos produtos, calidade, mobilidade, loxística, etc. En palabras de Carlos Suárez, director xerente de Edisa, “coa nosa participación un ano máis en Conxemar aproveitamos a oportunidade para estar preto dos nosos clientes e tamén para presentar as novidades e a previsión de novas funcionalidades para os vindeiros anos. Así mesmo, o nivel de penetración que se acadou no sector está a permitirnos achegar cada vez máis ferramentas ás empresas, que axuden a mellorar aspectos tan importantes como os custos, a calidade ou o soporte á toma de decisións a todos os niveis”.
Para Edisa, é importante destacar que Conxemar é unha feira que recibe unha gran cantidade de visitas internacionais e que a empresa TIC nestes intres xa ten un 25% da súa facturación procedente do exterior, co que a feira tamén representa para a compañía unha gran oportunidade.

PUBLICIDADE