Edifier sorprende cun altofalante con forma de PC gaming

venres, 10 de outubro do 2025 Redacción

De cando en vez hai produtos de electrónica de consumo que sorprenden por adoptar formatos pouco habituais, na procura de atopar un oco de mercado moi específico, o que fai posible que existan cousas tan rechamantes como o último accesorio de escritorio de Edifier podería confundirse facilmente cun ordenador gaming pero que, en realidade, é un altofalante que pode conectarse por Bluetooth, mediante un cable USB ou a través dunha entrada de son analóxica.
O Huazai New Cyber está dispoñible en China por 1.499 iuans (181 euros) en dúas versións cromáticas (branco aurora e negro pantasma), descoñecéndose se terá distribución internacional.
O altofalante integra un subwoofer de 4 polgadas acompañado de tres radiadores pasivos que reforzan as frecuencias graves, e dous transdutores de gama media-alta de 52 mm. Estes compoñentes sitúanse na metade inferior, oculta tras unha tea acústica, mentres que na parte superior quedan expostos os módulos electrónicos (amplificadores, fonte de alimentación, cables trenzados e procesador de sinal), dispostos de xeito que lembran as pezas internas dun PC, como a tarxeta gráfica ou os módulos de memoria.
Tamén incorpora cinco aneis luminosos RGB con efectos animados que simulan o xiro de ventiladores e unha pantalla de 2,8 polgadas que pode amosar imaxes, protectores de pantalla ou mensaxes personalizadas. Ademais de función decorativa, tamén serve para visualizar métricas de rendemento (como o uso de CPU, RAM e GPU) cando está conectado a un ordenador por USB, ou as letras das cancións mentres reproduce música desde un móbil.
O seu tamaño é semellante ao duns altofalantes de escritorio. E para aproveitar mellor o espazo que ocupa, Edifier engade dous portos adicionais (un USB-A e outro USB-C) que permiten cargar outros dispositivos mentres está en funcionamento.
Esta excentricidade tecnolóxica parece dirixida a usuarios que teñen un equipo informático destinado a xogar, e buscan uns altofalantes orixinais que encaixen co deseño do seu escritorio.

O altofalante pode aproveitarse para cargar dispositivos por USB