Ecosystems 2030 converterá A Coruña na capital das tecnoloxías os días 2 e 3 de xuño

venres, 27 de maio do 2022 S. P.

A Coruña, concretamente o recinto PALEXCO, vai acoller os días vindeiros un evento tecnolóxico de gran relevancia: a segunda edición de Ecosystems 2030, que xuntará no dito pazo de congresos a medio centenar de expertos de empresas tecnolóxicas de primeira liña, co reto común de avaliar as posibilidades que abren tecnoloxías disruptivas, ou sexa, a robótica, a Intelixencia Artificial, a cadea de bloques, as tecnoloxías inmersivas, o ámbito fintech ou os vehículos intelixentes e autónomos.
Presentación
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu este xoves 26 no Pazo Municipal de María Pita aos organizadores e patrocinadores do congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022, que se celebra os días 2 e 3 de xuño. O evento, dixo, suporá "unha grande oportunidade para consolidar á Coruña como referente de innovación científica e tecnolóxica".
Como novidade, o congreso contará cunha sesión aberta á cidadanía e ao empresariado local, achegando o coñecemento profesional nacional e internacional a todos os coruñeses e coruñesas que o desexen.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou a vocación do Concello para que Ecosystems 2030 volva ter sede na Coruña o vindeiro ano: “Da mesma forma que Davos pasou a dar nome á reunión anual do Foro Económico Mundial, esperamos que A Coruña pase a darlle nome ao evento sobre innovación tecnolóxica máis relevante e influínte do mundo”.
Entre os relatores confirmados no congreso Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022 están gobernantes como o ex primeiro ministro de Finlandia, así como altos executivos e directivos das compañías máis relevantes e referenciais do mundo: Google, Microsoft, IBM, Amazon, Mastercard, JP Morgan e Deloitte, entre outras. Inés Rey destacou tamén que "o rei, Felipe VI, aceptou o convite para ocupar a presidencia do Comité de Honra do Congreso, o que dá conta da relevancia que Ecosystems2030 ten para o futuro do país".
Na rolda de prensa interviron, ademais da alcaldesa; Omar Hatamleh, exdirector de Innovación da NASA, e presidente executivo do congreso Ecosystems 2030; Manel Cerqueda, presidente de MyInvestor e conselleiro de AndBank; Antonio Viejo, director de asuntos corporativos de Hijos de Rivera. Tamén estiveron presentes Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá; Moisés Naranjo, xerente do consorcio de Turismo da Coruña; Rafael Sánchez, director financeiro de Trison Europe; Raúl Estradera, director de comunicación de Inditex; Senén Ferreiro, Socio-director de Valora; Alicia Fernández, Valora; Jaime Pereira Gil, director executivo de Aeocámaras e Carlos Lodeiro e Rubén Rey, de Andbank.

PUBLICIDADE