Economía impulsa con 2,5 millóns a operatividade e a transformación dixital das asociacións de comerciantes

luns, 17 de xaneiro do 2022 S. P.

A Consellería de Economía está a impulsar con 2,5 millóns de euros a competitividade e a transformación e 91 asociacións de comerciantes. Da dita contía, 2 millóns achéganse ás entidades a través da orde de apoios para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, co obxectivo de impulsar o comercio de proximidade nas vilas e cidades galegas mediante iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que desde o comercio se ofrecen aos consumidores.
Resultaron beneficiarios 53 centros comerciais abertos e 24 asociacións de praceiros, que, con estas axudas puideron poñer en marcha ou manter iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados, así como campañas de dinamización comercial. Tamén se incluía na convocatoria o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, ou a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais. No caso das asociacións de praceiros, obtiveron ademais apoios para iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos.
Por outra parte, a través da orde de axudas para asociacións de comerciantes a nivel comarcal, provincial ou autonómica ou as federacións para o impulso das compras de proximidade a través do tícket de dinamización comercial resultaron beneficiadas 14 entidades, con apoios que suman máis de 428.000 euros.
A estas resolucións súmase a das axudas para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, que tamén vén de publicarse. A través deste programa concedéronse axudas por preto de 590.000 euros a 18 beneficiarios, entre os que se atopan concellos de menos de 10.000 habitantes, Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e unha federación de comerciantes.

PUBLICIDADE