Economía achegará 12 millóns para axudar a 15.000 pemes e microempresas a investir en innovación

mércores, 27 de outubro do 2021 S. P.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, presentou este martes 26, en Lugo, un novo programa de impulso á innovación ao que a Xunta destina 12 millóns de euros co obxectivo de “axudar a 15.000 pemes e microempresas galegas a investir neste eido”. Segundo fixo saber, farase fincapé nas pequenas e medianas empresas con potencial para innovar pero que aínda non o fixeron, así como nas situadas en núcleos non urbanos. Porase o foco en todo tipo de sectores e en pemes de todos os tamaños, na liña de dinamización do tecido empresarial de base que comparten os proxectos que Galicia está a presentar aos fondos europeos Next Generation.
Conde explicou que entre as iniciativas que se promoverán ao abeiro deste programa destaca Camiño da Innovación, un servizo de atención ás pemes e unha exposición itinerante que percorrerá Galicia ao longo de 18 etapas que chegarán ás catro provincias, arrincando o 5 de novembro en Vilalba e incluíndo paradas (no caso da provincia de Lugo) en Cervo (8 de novembro), Monforte de Lemos (30 de novembro), Chantada (1 de decembro) e Meira (9 de decembro), onde finalizará.
Na súa intervención, tras participar nunha mesa de debate con responsables das empresas Legalmit, Maderas Besteiro e Comenza, Conde incidiu na importancia da innovación como “elemento tractor ante a saída da crise”, pola súa achega tanto á mellora da competitividade como da sustentabilidade do tecido empresarial. Segundo destacou, “a innovación é a esencia da competitividade futura porque determina a capacidade dunha empresa para diferenciarse, achegar valor, adaptarse ao contorno e crecer”.
Tamén subliñou a necesidade de seguir apostando pola colaboración público-privada para manter activo o dinamismo e a transformación do tecido produtivo. Neste sentido, a Xunta asinou un convenio coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co que se busca expandir os puntos de información e asesoramento cos que conta a entidade.

PUBLICIDADE