Econocom e Osiatis celebran o día 22 en Santiago unha xornada sobre a Sociedade da Información na nosa terra

mércores, 15 de xaneiro do 2014 Redacción

O Hotel AC Pazo do Carme en Santiago de CompostelaO Hotel AC Pazo do Carme de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro día 22 un seminario sobre o estado de cousas da Rede na nosa terra. A xuntanza, que se desenvolve baixo o epígrafe Sociedade da Información en Galicia, vén da man de Econocom e Osiatis, alianza empresarial con sede de seu en Vigo e especializada en xestión de infraestruturas tecnolóxicas e de comunicación. No seminario participarán entre outros representantes do tecido público e empresarial das TIC, a directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e máis o director de operacións de Econocom-Osiatis, Mario Villa. A directora de AMTEGA será a encargada de abrir a xeira de relatorios.
O seminario contará tamén con tres mesas redondas centradas nos eidos da Administración autonómica, as entidades locais e as nosas universidades.
Como dixemos, o grupo Econocom-Osiatis dispón de oficina de seu en Vigo, desde onde presta servizo tanto a organizacións públicas galegas (Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, Deputación de Pontevedra, concellos de Pontevedra e Lugo ou CRTVG) como a compañías privadas, “cos exemplos das tendas de Caramelo, Gadisa ou Finsa como os máis emblemáticos”, sinalan fontes da alianza empresarial. O seu obxectivo na nosa terra, segundo fan saber, pasa por unha aposta clara e firme polo desenvolvemento da Sociedade da Información. Con esta finalidade, a compañía desprega arestora un amplo abano de servizos para mellorar “a competitividade e eficacia das organizacións galegas”, apunta Mario Villa, que nos confirma que o programa de actividades da cita do día 22 contará coa presenza de representantes dos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), da Consellería de Educación, da Universidade de Santiago de Compostela e do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
O evento terá unha duración de media xornada e para inscribírmonos é necesario que acheguemos os datos persoais na ligazón habilitada a tal efecto.

PUBLICIDADE