Ecolec organiza unha feira de videxogos solidaria en Alacante

venres, 16 de xullo do 2010 Raquel Noya

A Fundación Ecolec, unha entidade sen ánimo de lucro dedicada a xestionar a recollida, tratamento, valorización e eliminación de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (un labor tan útil como necesario dados os tempos que corren), vén de anunciar que patrocinará a Feria de Videojuegos Ciudad de Alicante que terá lugar o vindeiro fin de semana (do venres 23 ao domingo 25 de xullo) de maneira ininterrompida na cidade valenciana.
Nesta feira, que forma parte do Proxecto Xogando con Tecnoloxía, desenvolverase o Open de España de Videoxogos deportivos e a ela poderá asistir de balde calquera persoa interesada neste tema.
Ecolec pretende, con esta feira, transmitirlle ao público novo e ás súas familias a necesidade de reciclar os aparatos eléctricos e electrónicos cando deveñen en residuo, así como a maneira de facelo a través dos puntos limpos ou nos mesmos comercios ao adquirir un aparato das mesmas funcións.
Cando xa non che sirvan recicla levándoos a un punto limpo vai ser a mensaxe que durante esta iniciativa lanzará a Fundación Ecolec, polo que todas as persoas asistentes, segundo a organización, “saberán da necesidade de reciclar todo tipo de aparellos eléctricos e electrónicos”.
Para isto, na mesma feira haberá dispoñibles unha serie de puntos de reciclaxe onde as persoas interesadas poderán deixar os seus dispositivos para ser reutilizados nun futuro e faranse entrega, dende o stand de Ecolec, de folletos informativos sobre este tipo de residuos.
O fin último e máis importante deste proxecto solidario será, ademais de concienciar á cidadanía co coidado do medio ambiente, donar videoconsolas e xogos educativos ós hospitais para que os máis cativos, segundo aseguran, “teñan outras posibilidades de ocio durante a súa convalecencia”.

PUBLICIDADE