Echo Auto introducirá a Alexa no automóbil

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

En setembro Amazon presentou un feixe de produtos que integran o asistente de voz Alexa, e un dos que máis interese captou por parte do público, o Echo Auto, por fin é unha realidade, aínda que a súa distribución limítase polo momento a só un pequeno grupo de consumidores escollidos, entendéndose que a súa demanda vai ser moi elevada.
O Echo Auto é un accesorio que permitirá levar a Alexa ao interior do automóbil, pois pode colocarse no salpicadeiro do vehículo e tras conectalo aos altofalantes (por liña auxiliar ou por Bluetooth) pode facilitar a interacción co noso smartphone mediante a voz cando imos ao volante para poder así reproducir música, escoitar pocast, realizar chamadas telefónicas, consultar a axenda, atopar unha estación de servizo próxima ou incluso abrir a porta do garaxe mediante ordes de voz.
Para funcionar con solvencia dentro do vehículo, onde o equipo de son, o aire acondicionado e a propia estrada son fontes de ruído moi importantes, o Echo Auto integra 8 micrófonos, procurando entender o mellor posible as ordes que deamos durante a marcha.
Temos así un sistema de mans libres cunhas prestacións semellantes ás que podemos ter cun altofalante conectado no fogar (como os Amazon Echo), polo que os usuarios deste tipo de dispositivos verán dun xeito moi natural repetir a mesma mecánica ao volante.
Este produto venderase normalmente a un prezo de 49,99 dólares, pero dado que actualmente está en probas (varias das súas funcións aínda non están operativas) ofrécese nos EE.UU. á metade de prezo, chegando xa a uns poucos consumidores. Probablemente tarde bastantes meses en chegar ao mercado europeo, xa que a demanda deste produto parece ser elevadísima, algo que non debería de sorprender nun país no que Alexa foi todo un fenómeno que revolucionou moitos fogares.

PUBLICIDADE