EGATEL celebra os seus 25 anos de andaina innovadora

martes, 31 de xaneiro do 2017 Redacción

Javier Taibo, director xeral de EGATEL nunha imaxe de Laregion.es

A empresa galega EGATEL, referente internacional en materia de equipamento avanzado para a radiodifusión de TV, está estes días de celebración. Máis polo miúdo, a compañía atópase mergullada no festexo do seu 25 aniversario, aproveitando tamén para presentar a súa liña estratéxica vindeira: basicamente seguir “apostando pola diversificación en novos produtos e servizos TIC”. EGATEL tamén lembra que a súa traxectoria recente é unha andaina de éxitos, sen ir máis lonxe leva dous anos obtendo a máxima puntuación nos indicadores de innovación do informe Ardán de Economía e Competitividade, tal e como informamos no seu día dende Código Cero. A xeito de reconto, a empresa cualifica a súa actividade no mercado de “25 anos de esforzo e firme compromiso para acadar a excelencia tecnolóxica”. Como resultado, “conseguimos converternos en fabricantes de referencia de sistemas de transmisión de TV”, sinalan dende EGATEL.
Como lembraremos, a empresa fundouse en 1992 da man de Esteban Solleiro, enxeñeiro de Telecomunicacións ourensán, que iniciou a súa andaina no ámbito da recepción doméstica de TV e no mercado de microrepetidores analóxicos. En 2007, logo de adxudicación en 1999 do contrato para o primeiro despregue da rede de TDT en España e de terse convertido no principal fornecedor de equipos de transmisión de TV dixital en España, arrinca o seu proceso de internacionalización que se mantén na actualidade e que se ten materializado nos equipamentos de TDT en países como México, Alxeria, Tanzania, Marrocos, Arxentina, Colombia, Kenia, Uruguai, Chile ou Panamá, entre outros. Respecto da importancia dos negocios de EGATEL no exterior, representan xa o 85% da cifra total de negocio.
A día de hoxe segue en activo unha clara e firme estratexia de diversificación que se artella no deseño de produtos e servizos orientados á apertura de novos nichos de mercado. O “máximo expoñente” desta estratexia é a tecnoloxía SmartLNB (premiado este ano pola asociación Ineo), un produto que en palabras de EGATEL “está a revolucionar o sector das comunicacións por satélite”. Ademais, no período 2015 - 2016 a empresa investiu máis de 3,5 millóns de euros en I+D+I e participou en diferentes proxectos de innovación en colaboración con outras empresas, universidades e centros tecnolóxicos no ámbito das comunicacións marítimas, aeronaves non tripuladas e vehículos conectados.
EGATEL ten sede central en Ourense, pero conta con delegacións en Madrid, Arxentina, Chile e México.

PUBLICIDADE