EGATEL amosa na Feira IBC de Amsterdam os seus últimos avances en eficiencia enerxética

mércores, 31 de agosto do 2016 Redacción

A firma galega EGATEL anunciou que estará de novo na Feira IBC de Amsterdam (con sede de seu no RAI Convention Center), unha cita referencial para a a industria dos medios electrónicos e que xunta, cada ano, o máis destacado do panorama actual da creación, xestión e prestación de lecer e contido dixital (a Feira IBC adoita atraer nas súas sucesivas entregas a máis de 45.000 asistentes de máis de 140 países do mundo). O encontro desenvolverase entre o 9 e o 13 de setembro. Segundo fai saber EGATEL, presentará en Amsterdam (dentro da liña WHET, Wideband High Efficiency Transmitters) as súas novas liñas de transmisores de TV e reemisores TDT de baixa, media e alta potencia, que salientan “por un alto nivel de eficiencia enerxética en deseños moi reducidos”, informa a compañía galega.
No eido da baixa potencia EGATEL amosará as familias TUWH1000 e RUWH1000, que co tamaño de 1UR, son quen de acadar potencias de até 125 Wrms. Segundo engade a firma con sede en Ourense, as novas series de transmisores e reemisores UHF de TV, preparadas para traballar en todos os estándares de TV Dixital (DVB-T/T2, ATSC (3.0 ready) e ISDB-Tb), foron especialmente deseñadas para cubrir as necesidades de instalacións de baixa potencia e con limitacións de espazo. “Ademais”, engade EGATEL, “incorporan un avanzado sistema de precorrección dixital con capacidade de adaptación que elimina as distorsións da etapa de potencia e un potente cancelador de ecos multi-estandar de altas prestacións, no caso dos reemisores SFN”.
En media potencia, a compañía presentará a nova familia TUWH3000 de transmisores entrega potencias de até 300 Wrms en só 3UR. Estes aparellos contan con amplificadores de alto rendemento con ventiladores externos e fontes de alimentación redundantes, “ofrecendo unha fiabilidade, flexibilidade e calidade de servizo inmellorábeis”.
Na modalidade de alta potencia amosaranse os equipos da serie TLWH7900 con refrixeración líquida. Segundo informa EGATEL, “estes equipos contan con novos amplificadores compactos de 2UR con até tres fontes de alimentación redundante integradas e unha eficiencia enerxética líder no mercado, o que os converten na mellor opción para cubrir zonas amplas coas mellores garantías e prestacións”.
Dentro da nova área de servizos vía satélite, exhibirase o Smart LNB, un equipo desenvolvido para o operador de satélites Eutelsat. Trátase dun dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novo transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. Segundo informa EGATEL, este terminal “revolucionará o mercado SatCom”, ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada vía satélite como HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc; así como aplicacións Machine to Machine (M2M): eSaúde, Fogar Conectado, Smart Metering, etc.

PUBLICIDADE