EGANET pídelle ao BNG máis colaboración entre o sector público e as firmas TIC

mércores, 18 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Para os/as profesionais galegos/as das novas tecnoloxías da información, o proceso electoral no que estamos mergullados non é un proceso máis ao que teñamos que deixar nun segundo plano de atención. Máis ben o contrario: cómpre coñecer polo miúdo cal das propostas políticas dos principais partidos se presenta máis acorde co desenvolvemento de Galiza no eido da información, materia prima de primeira orde para unha fórmula que nos interesa a todos e todas: a fórmula de superación da crise. É nesta liña onde se sitúan as xuntanzas que se están a celebrar entre o sector empresarial e os diferentes candidatos: se hoxe mesmo falabamos nesta web da mantida entre os enxeñeiros en informática e o BNG, cómpre engadir que a xornada de onte incluíu outra reunión entre este partido político e unha entidade especialmente representativa do sector dixital en Galiza: EGANET (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías).
A xuntanza, na que participou a candidata número dous dos nacionalistas pola provincia da Coruña, Ana Pontón, foi en liñas xerais unha achega de demandas (as propostas por EGANET no camiño de impulsar a colaboración público-privada nas TIC ou de introducir o uso das redes en todos os recantos da nosa xeografía) e de estratexias a seguir (as que inclúe o BNG no seu programa co obxectivo de impulsar a produtividade do dito tecido empresarial).
O encontro, ao que tamén acudiu a directora xeral de Promoción Industrial, Helena Veiguela, constituíu a primeira sesión dos Almorzos TIC que está a organizar EGANET co fin de promover o debate político sobre a Sociedade do Coñecemento en Galiza (agárdase que en breve socialistas e populares confirmen as datas para os seus respectivos encontros).
A reunión mantida co BNG serviu entre outras cousas para constatar o que xa se viña sospeitando dende hai tempo: que o sector TIC galego traballa cada vez máis en mancomún e se amosa máis comprometido co que se refire ás súas posibilidades conxuntas de medre. De feito, até un total de 50 empresas agrupadas na dita asociación tiveron representación na xuntanza mantida onte con Ana Pontón. As súas demandas, aínda que variadas debido á diversidade das súas actividades dentro dun único sector, coincidiron nunha boa cantidade de puntos. Por exemplo: pulo á extensión da banda larga en todo o territorio galego, máis e mellor colaboración entre iniciativas públicas e privadas (pediuse que as institucións teñan sempre en conta a opinión das empresas) ou meirande firmeza na defensa do libre mercado. Precisamente sobre este último punto se pronunciou Beatriz Legerén, presidenta de EGANET, quen lle relembrou á candidata do BNG que a agrupación galega que representa traballa para acadar a adaptación da cidadanía ao emprego das tecnoloxías do coñecemento como ferramenta de mellora perante a competitividade tanto nos sectores empresariais como no desenvolvemento individual.

Sobre os Almorzos TIC e o seu obxectivo

Segundo informa EGANET, os Almorzos TIC nacen como espazos de diálogo nos que as empresas asociadas coñecerán de primeira man as propostas en materia de novas tecnoloxías que inclúen nos seus programas electorais as tres forzas políticas maioritarias en Galicia, así como a súa estratexia de desenvolvemento na vindeira lexislatura. O obxectivo é que os profesionais
do sector debatan e realicen achegas ás propostas presentadas, de xeito que os futuros gobernantes conten coa opinión do empresariado para idear e crear as accións en materia TIC. Con esta iniciativa, a agrupación TIC quere avanzar na representación e defensa dos intereses de entidades empresariais que conforman o corazón das novas tecnoloxías.
Arestora, EGANET suma preto de medio cento de empresas asociadas, que teñen como alicerce do seu negocio un capital humano cualificado e que centran a súa actividade na Internet e medios on line; na comunicación interactiva en novos medios; na consultaría e asesoramento TIC; na conectividade e integración de sistemas e no desenvolvemento de software.

PUBLICIDADE