EGANET entrega os seus premios perante máis de 200 representantes do noso sector TIC
mércores, 16 de decembro do 2009
EGANET, como cada ano, mobilizou ao sector TIC galego para elixir ás empresas, entidades, organizacións e persoeiros que máis e mellor traballaron ao longo do ano por afianzármonos un pouquiño máis no tecido innovador e por deixar unha pegada nosa, perfectamente recoñecible, nese tecido. Finalmente, e tal e como deu a coñecer a asociación na gala de entrega dos seus premios anuais desenvolvida no Auditorio de Santiago, estas foron as compañías e entidades galardoadas nas diferentes categorías: La Nuestra Comunicación Publicitaria, Ir Indo Edicións, Buenas Ideas en Acción, Fausto Deseño Asociados, Imaxin Software, Continental Producciones, Neo, Teimas Desenvolvemento, a Universidade de Santiago e a Plataforma Vindeira.
Tanto os premiados como os obxectivos estratéxicos das empresas TIC que integran EGANET foron desvelados no transcurso dunha gala que reuniu (malia as inclemencias do tempo) a máis de 200 persoas en Santiago e que contou coa presenza activa da presidenta da dita asociación empresarial, Beatriz Legerén, encargada de dar a benvida a asistentes e participantes.
Por certo que o responsable de pórlle ao acto o punto e final foi Víctor López, responsable de Administración Dixital e directivo de EGANET, quen aproveitou a ocasión para pedirlles máis compromiso a tódolos axentes implicados no impulso do sector TIC galego, en especial as administracións, ás que animou a fixar a súa atención nas necesidades e no potencial do dito tecido produtivo, sobre todo á hora de planificar e xestionar as políticas sectoriais. Víctor López cualificou como grande oportunidade de impulso ao dito eido empresarial o inminente afianzamento da Administración Electrónica, de aí que alentara aos representantes das institucións públicas presentes na gala “a investir e non a coartar a ocasión para que Galicia se dote de mellores e máis eficaces servizos administrativos, creando riqueza e emprego no país”. Asemade, aproveitou a oportunidade para ofrecer, dende EGANET e as compañías que representa, o apoio e cooperación que sexan precisos.
O número de firmas e entidades que competiron foi de 135, constituíndo un total de 221 candidaturas nas diferentes categorías.
As candidaturas gañadoras resultaron ser as seguintes:
Premio PUBLICIDADE ONLINE:
· LA NUESTRA COMUNICACIÓN PUBLICITARIA, con sede en Oleiros, pola nova edición da campaña Movemento contra a Lei de Murphy. A Campaña 2008 de prevención de riscos laborais dirixida ao alumnado de Formación Profesional, renovou a mensaxe da edición anterior cun xogo específico online no que compiten os distintos centros e unha nova páxina web. Internet constitúe a canle central da campaña, que presenta unha total identificación coa linguaxe xuvenil e a comunicación online.
Premio APLICACIÓN ON-LINE:
· IR INDO, con sede en Vigo, polo dicionario en liña Digalego. Máis de 65.000 entradas actualizadas á última normativa, máis de 45.000 traduccións ao portugués, inglés e castelán, etimoloxías, sinónimos, exemplos… Intégrase directamente nos navegadores Internet Explorer e Mozilla Firefox mediante unha caixa de busca e conta coa opción de clickar en calquera palabra do texto para que unha ventá interactiva defina a palabra marcada automaticamente, función tamén integrable noutras webs.
Premio E-COMMERCE:
· BUENAS IDEAS EN ACCIÓN, de Pontevedra, pola web Planetapluton.com. Comercio online especializado en productos novidosos, orixinais, sorprendentes e divertidos, produtos non dispoñibles noutros comercios. O abano da súa oferta inclúe gadgets electrónicos, produtos de decoración e deseño, agasallos, xoguetes e produtos para nenos e produtos de aventura. Detallado catálogo, distintas formas de pago e deseño atraente completan as posibilidades de Planetapluton.
Premio SOFTWARE LIBRE:
· UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, pola Oficina de Software Libre da USC. Nacida no ano 2008 a partir dun acordo entre a Xunta e a USC co obxectivo de analizar, promover e implantar o software libre na comunidade universitaria. O proxecto parte da elaboración dun plano de acción con diversas frontes, e polo momento as actividades da Oficina xa abrangueron as áreas de tradución, desenvolvemento de software, formación, difusión, análise e asesoramento, incluíndo un plano piloto de migración a software libre en cinco titulacións distintas
Premio COMUNICACIÓN WEB:
· FAUSTO DESEÑO ASOCIADOS, de Santiago, polo “Universo Galimatías” trata de achegarlles a rapaces de entre os 14 e os 18 anos contidos en galego que en xeral consomen en castelán dun xeito normalizado. Os protagonistas son dous adolescentes, Gal e Matías, que son como calquera mozo do noso tempo. A navegación por este portal realízase a través dos obxectos que poboan o seu cuarto, a través dos cales se accede a contidos de interese para os rapaces.
Premio CULTURA DIXITAL:
· CONTINENTAL PRODUCCIONES, con sede na Coruña, por Evento Ligado á Extinción (ELE). Videoxogo de acción (First Person Shooter), cuxo deseño artístico, guión, banda sonora, e todas as demais variables se analizaron para responder a tres obxectivos básicos: deseñar o primeiro videoxogo galego de distribución internacional; compor unha experiencia de xogo con ritmo que incorpore fórmulas cinematográficas; e pór sobre a mesa unha proposta visualmente novidosa.
Premio MELLOR AMBIENTE LABORAL:
· FACTORÍA DE SOFTWARE E MULTIMEDIA (IMAXIN SOFTWARE), de Santiago de Compostela. Empresa dedicada ao desenvolvemento de servizos e solucións avanzadas de software e multimedia, con sede en Santiago. Vén de implantar a metodoloxía CMMI no seu nivel 3 e basea a súa estratexia empresarial no obxectivo de ser unha compañía socialmente responsable e sostible no tempo. Foi incluída como empresa exemplo de boas prácticas na Guía de boas prácticas en corresponsabilidade editada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.
Premio TECNOLOXÍA ACCESIBLE:
· NEO, con sede na Coruña, por Bildo, a Comunicación Universal. Videotraductor virtual deseñado para facilitar ás persoas xordas a comunicación en Lingua de Signos Española nas oficinas de institucións públicas e empresas con atención ao público. Trátase dun sistema integrado de hardware e software de videoconferencia especialmente adaptados ás necesidades deste colectivo
Premio E-EMPREDEDORES:
· TEIMAS DESENVOLVEMENTO SL. (Tecnoloxías da Información MedioAmbientaiS) tamén compostelá, é unha empresa de desenvolvemento de software como servizo dispoñible en Internet e que achega solucións tecnolóxicas para o sector ambiental (xestión e transporte de residuos, vertedoiros, tramites telemáticos coa administración, etc.). A empresa está a desenvolver a plataforma de xestión Teixo, para empresas implicadas no proceso de xeración e xestión de residuos, adaptada ao estándar de comunicación e3l.
Premio Especial EGANET:
· PLATAFORMA VINDEIRA. Creada no ano 2006 con sede na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo como un punto de encontro e diálogo de todos os axentes relacionados co sector Tic. O seu obxectivo é o de fomentar e producir sinerxías entre os axentes galegos interesados nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, para participar na planificación da investigación e o desenvolvemento na industria Tic de Galicia e posicionala como líder en sectores estratéxicos. Desenvolve múltiples actividades que permiten a participación activa das empresas dentro dos grupos específicos de traballo.