EA ofrece de balde Battlefield 3 até o 3 de xuño

xoves, 29 de maio do 2014 Marcus Fernández

A poucos días da presentación de Battlefield Hardline no E3, Electronic Arts quere que un público máis amplo se achegue á súa franquía de acción en primeira persoa, e para facer tal incorpora á súa promoción Invita la Casa de Origin (a plataforma de xogos en liña da compañía) o xogo Battlefield 3 totalmente de balde (cando habitualmente ten un prezo de 19,95 euros) até o vindeiro 3 de xuño.
Estamos ante a versión completa do xogo sen cargos ocultos, polo que é unha magnífica nova para os que gusten do xénero e aínda non se introduciran nesta saga que loita por destacar nun xénero dominado por Call of Duty (ao que moitos consideran que supera sobradamente no seu modo multi-xogador).
Con esta promoción EA tamén busca facer máis popular a súa plataforma de xogos en liña, á que está a custarlle moito destacar por mor do pulo acadado por Steam nos últimos anos.

Pese a ter máis de 2 anos, Battlefield 3 continúa a ser un xogo de primeira liña


Trailer de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE