EA lanza unha tenda de descargas de videoxogos

xoves, 23 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Electronic Arts lanzou esta semana un servizo de descarga de contidos coma extras e versións de demostración dos seus xogos que tamén emprega para a venda de xogos a través da Internet.
EA Link permite así que os xogadores de todo o mundo se poidan adiantar á chegada dalgúns xogos ás tendas máis próximas e que se poidan facer con eles a través da Rede. Este novo servizo para PC “abre un mundo de posibilidades” ofrecendo “máis oportunidades de probar, comprar e enriquecer as experiencias de xogo”. Así, non só se pode mercar o recente Need For Speed Carbono, senón que tamén se poden descargar contidos exclusivos para engadir a tal xogo de carreiras de coches.
As compras pódense completar mediante distintas formas de pagamento como tarxetas de crédito e mesmo PayPal, e é preciso instalar unha aplicación informática para poder descargar os contidos, de aí que publiquen demos e outras descargas de balde para incentivar a súa instalación.

PUBLICIDADE