EA confirma o lanzamento de FIFA 14 no outono

mércores, 17 de abril do 2013 Marcus Fernández

Electronic Arts anunciou hoxe un xogo que sobra dicir que non é ningunha sorpresa, o FIFA 14, que polo momento ten confirmada a súa dispoñibilidade no outono para Xbox 360, PlayStation 3 e PC (é de prever que no E3 anuncien as versións para consolas de nova xeración), e que como principal novidade aseguran que terá innovacións que fará que os xogadores poidan experimentar a sensación de marcar grandes goles.
Entre estas novidades estaría o sistema de físicas Pure Shot, que transformará o xeito de darlle ao balón para dotar aos disparos dun grande realismo; con Real Ball Physics determinaranse as traxectorias dos balóns, permitindo que os xogadores teñan máis posibilidade de control dos seus lanzamentos; Protect The Ball permitirá bloquear e esquivar rivais ou evitar que nos rouben o balón; intelixencia de equipo mellorada; e un maior control cando se está a correr coa bola.

O xogo contará cunha rede mundial de olladores, incrementando as posibilidades de fichaxe

Aparte das melloras en xogabilidade, FIFA 14 tamén incluirá novidades no Modo Carreira, que coa Global Scouting Network permitirá cazar talentos a escala mundial. O xogo tamén contará coas licenzas oficiais de máis de 500 clubs de fútbol, novos modos de xogo en liña para fomentar a competición social, cambios no popular FIFA Ultimate Team e novas prestacións no servizo en liña EA Sport Football Club.

Dende EA aseguran que o FIFA 14 fará vivir os goles con máis intensidade
FIFA 14 renovará o seu Modo Carreira

PUBLICIDADE