EA Access será de balde para Xbox One entre os días 19 e 24

venres, 15 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Que o servizo de subscrición de xogos de Electronic Arts estea a desembarcar no PC é unha magnífica nova para moitos xogadores, pero como esta fórmula para gozar dun catálogo de xogos por 3,99 euros/mes ou 24,99 euros/ano resulta pouco coñecido, decidiron que entre os días 19 e 24 de xaneiro os usuarios Gold de Xbox One poderán gozar de balde de EA Access, de xeito que poderán xogar sen limitacións a 14 videoxogos entre os que figuran FIFA 15, Need For Speed Rivals, Dragon Age: Inquisition ou EA Sports UFC.
Esta proba de EA Access só abre o acceso aos xogos, xa que este servizo ten máis vantaxes asociadas, como a posibilidade de gozar en primicia dos lanzamentos e as versións de proba de moitos xogos de Electronic Arts e un desconto do 10% nas compras dixitais de EA para Xbox One.

Beta de Plants vs. Zombies Garden Warfare 2

O curioso xogo Plants vs. Zomibes Garden Warfare, que trasladou ao xénero shooter o célebre tower defense de Popcap Games, é un dos xogos incluídos no EA Access, pero estes días goza de especial relevancia, xa que dende as últimas horas é posible descargar de balde para Xbox One a versión de proba da súa secuela que permite combater en liña até un total de 24 xogadores.
Plants vs. Zombies Garden Warfare 2 volve a combinar acción e humor nun título moi divertido, no que plantas e mortos viventes se enfrontan en diferentes escenarios de xeito frenético, fuxindo das quendas do xogo orixinal que tanto éxito conseguira en dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE